Derrúbase unha estrada en Vilamartín de Valdeorras que deixa 40 veciños incomunicados

Derrubamento esta segunda feira da estrada en Vilamartín (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
"Este problema leva aquí 30 anos encima da mesa", alertou o rexedor do municipio, Enrique Álvarez Barreiro.

O derrubamento dunha estrada no municipio de Vilamartín de Valdeorras tras as fortes chuvias rexistradas deixou incomunicados uns 40 veciños de Leira e O Robledo.

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, explica que se estaba facendo uso desta estrada municipal como vía alternativa por parte dos veciños de Leira e Robledo debido a que a OU-0807, que é de titularidade da Deputación, está inoperativa debido a que "leva 30 anos sen solucionar os problemas de derrubamentos".

Deborde do río

Explica que xa hai uns meses rexistrouse nesta vía unha corrente de auga con desprendementos, o que se suma a que o río desborde coa subida do caudal polas últimas choivas.

"Agora estase terminando de derrubar, polo que decidimos cortar a estrada e poñelo en coñecemento da Deputación, xa que son eles os que teñen a competencia do mantemento desta estrada para que tomen cartas no asunto", apunta.

O rexedor sinala que a Deputación lle traslada que están á espera de que os técnicos determinen como van facer para "deixar aberto un paso o máis perto posíbel". "Como concello estamos dispostos a colaborar no que faga falta", agrega.

Problema desde hai anos

"Este problema leva aquí 30 anos encima da mesa", quéixase o rexedor, desde que "unha louseira traballou sen cumprir o plan de estabilización de ladeiras", "o que provocou é que se afundise a estrada no seu momento", a OU-0807.

"Nós dicimos desde o Concello que se nos poñen 4 millóns na conta do municipio, solucionamos o problema, pero parece que non interesa". Con todo, deixa claro que "non é o momento de ‘pegarse’ entre Administracións", senón de "solucionar o problema".