Cae parte dun dos arcos de pedra da praia das Catedrais

(Foto: Concello de Ribadeo)

Técnicos de Medio Ambiente visitaron a zona para avaliar actuacións

Un dos arcos de pedra do monumento natural da praia das Catedrais derrubouse entre a noite do domingo e a segunda feira. Segundo informa a Consellería de Medio Ambiente a Europa Press, técnicos do servizo de Patrimonio Natural de Lugo realizaron unha visita á zona  para elaborar un informe sobre o sucedido.

A Xunta apunta que este tipo de derrubamentos "é habitual" na praia das Catedrais, do mesmo modo que en toda a cornixa cantábrica, polo tipo de terreo e a influencia do mar, aínda que sinala que o desprendemento "foi dun tamaño un tanto considerábel".

En función do que traslade este informe, valorarase "se hai que facer algún tipo de traballo ou intervención". Mentres, prevese que a marea leve de forma natural as pedras máis pequenas da caída.

Así, Medio Ambiente explica que "non son novos" estes derrubamentos, xa que se producen "de forma frecuente", aínda que esta "chama máis a atención" polo seu tamaño. Con todo, aínda non existen datos do volume de pedra que se desprendeu.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que o desprendemento é un fenómeno inherente á costa cantábrica, derivado da propia acción da natureza. Suárez Barcia considera que as administracións deben tomar medidas preventivas e os cidadáns ter consciencia delas e facer moito caso das indicacións que atoparán nese areal.

Unha moza de 25 anos natural de Valladolid faleceu en marzo de 2018 ao caerlle unha pedra na cabeza cando se atopaba no interior dunha das covas do areal.

Despois deste suceso, a Xunta activou unha web de reservas para acudir con aforamento limitado nos períodos de alta afluencia de visitantes como verán e Semana Santa.

Patrimonio

Entre outras figuras de protección, este espazo é unha Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Cunha superficie de case 29 hectáreas, está situada no extremo nordeste da provincia de Lugo, na liña litoral entre os municipios de Ribadeo e Foz.

O monumento natural conta a presenza de pequenos cantís mariños e praias de area, intercaladas entre promontorios e illotes de gran interese xeomorfológico e paisaxístico.

Este enclave formouse debido á erosión mariña da idade paleozoica, que afectou á serie de lousas e cuarcitas alí presentes. Así, hai numerosos arcos e túneles, que van desde os 10 até os 30 metros de altura. Tamén hai furnas pola acción erosiva das ondas con rocas silíceas.