Encontros internacionais

Un encontro internacional debate en Compostela e Coruña sobre os dereitos dos pobos de Europa

Organizados pola Fundación Galiza Sempre e a Fundación Moncho Reboiras.

‘Dereitos dos Pobos de Europa. Os pobos de Europa e a articulación dos seus dereitos na UE e nos seus Estados membros’ é o título das xornadas internacionais organizadas pola Fundación Galiza Sempre e a Fundación Moncho Reboiras coa coordinación académica dos profesores Xosé Manuel Carril e Uxío-Breogán Diéguez e que contan coa colaboración da Coppieters Foudation, unha fundación recoñecida polo Parlamento Europeo que promove a investigación sobre políticas a nivel europeo e internacional centrándose sobre todo no estudo das problemáticas nacionais.

 

Francisco Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre e Xesús Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras presentaron en Compostela estes encontros internacionais  En palabras do presidente da Fundación Galiza Sempre “no conxunto do programa participarán destacados especialistas galegos, do Estado español e de Europa e abordaranse unha cuestión de permanente actualidade pois as reinvindicacións dos Dereitos dos Pobos de Europa está máis viva que nunca, fronte aos tópicos, é precisamente nun mundo globalizado cando a defensa dos dereitos dos pobos cobra máis sentido porque nun mundo globalizado, se non tes un poder político propio, non pintas nada. Outros deciden por ti”

 

A primeira xornada, na que se analizará a cuestión nacional na Europa da primeira metade do século XX, centrada no caso ibérico, terá lugar este xoves, 19 de abril ás 17h30 na Facultade Ciencias Políticas e Sociais da USC. Contará coa presenza dos profesores María do Carme García Negro e Uxío-Breogán Diéguez, Giovanni Cattini da Unviersidade de Barcelona e Eduardo Alonso da Universidade do País Vasco.

 

Seguirá o sábado 7 de xullo na Coruña con unha xornada onde se analizará a articulación dos dereitos dos pobos de europa no proceso de construción da unión europea e na que contaremos coa presenza de Albert Noguera, profesor de dereito constitucional da Universidade de Valencia; Mikael Bodlore- Penlaez, activista bretón e experto en minorías nacionais, Encarna Otero Cepeda, historiadora e Luis Gonçales Blasco (“Foz”), que tivo un papel destacado, en 1972, na asinatura da Carta de Brest entre a UPG, a Unión Democrática Bretona e o Movemento Republicano Irlandés á que se adheriron despois organizacións doutras nacións sen estado de europa.

 

O 25 de xullo, no marco do Festigal, terá lugar unha mesa redonda con representantes de forzas políticas das nacións sen estado de Europa e o ciclo rematará no outono cunha nova xornada co título Soberanía: alternativa á ditadura do mercado, na que contaremos con representantes de organizacións sindicais das nacións sen estado de Europa e coa presenza de Jule Goikoetxea, profesora de filosofía da Universidade do País Vasco e Andrés Piqueras Infante, profesor titular de antropoloxía social e socioloxía social da Universitat Jaume i de Castelló (UJI).