Os dereitos dos pobos e a construcción da Unión Europea

O encontro internacional reúne na Coruña relatores galegos, bretóns e cataláns.

A mesa ‘Articulación dos dereitos dos pobos de Europa no proceso de construción da Unión Europea’ debaterá este sábado na Coruña (10:00h no salón de actos da Fundación ONCE -Cantón Grande, 3-) sobre a UE como unha construcción de Estados e non dos pobos. Na mesa están presentes  Ana Miranda, como eurodeputada do BNG que fará de anfitriona e moderadora, Albert Noguera, profesor de dereito constitucional da Universidade de Valencia; Mikael Bodlore- Penlaez, activista bretón e experto en minorías nacionais, Encarna Otero, historiadora e política nacionalista e Luis Gonçales Blasco (“Foz”), que tivo un papel destacado, en 1972, na sinatura da Carta de Brest entre organización soberanistas galegas, vascas e irlandesas.

 

Este debate está no marco dos Encontros Internacionais Dereitos dos Pobos de Europa que organiza a Fundación Galiza Sempre en colaboración coa Coppieters Foundation e a Fundación Moncho Reboiras e baixo a coordinación académica dos Profesores Xosé Manuel Carril e Uxío-Breogán Diéguez. É o segundo debate de un total de catro encontros internacionais que se celebrarán ao longo do presente ano entre Compostela e Coruña. O seguinte será no marco do día patria o 25 de Xullo no espazo do Festigal.

 

En palabras de Francisco Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre “abordaranse unha cuestión de permanente actualidade pois as reinvindicacións dos dereitos dos Pobos de Europa está máis viva que nunca, fronte aos tópicos, é precisamente nun mundo globalizado cando a defensa dos dereitos dos pobos cobra máis sentido porque nun mundo globalizado, se non tes un poder político propio, non pintas nada. Outros deciden por ti”