Dereitos Civís denuncia a prohibición da estelada, a ikurriña e a estreleira

O colectivo recolle sinaturas através da rede e tilda a decisión de "ideolóxica". Dirixirá a queixa ao Defensor del Pueblo. 

Dereitos Civís iniciou unha campaña de recollida de sinaturas através da rede para elevar unha denuncia perante o Defensor del Pueblo após a Delegación do Goberno español en Madrid prohibise o acceso de esteladas ao estadio Vicente Calderón onde se xogará a final da Copa do Rei entre o Barça e o Sevilla. 

O colectivo atribúe a decisión a "razóns ideolóxicas" e pregúntase "por que a estreleira, a estelada e a ikurriña poden provocar altercados públicos e a bandeira española non?"

Dereitos Civís reclama a retirada da prohibición e, no seu defecto, unha explicación para permitir o acceso de bandeiras españolas

Neste senso, lembra a resposta trasladada polo Valedor do pobo o 23 de outubro de 2014 "na que se insta ás autoridades a diferenciar aquela simboloxía que “alente a violencia, a intolerancia ou os comportamentos xenófobos”, como no caso da “simboloxía de carácter fascista ou racista”, daqueles outros “símbolos que teñen unha lectura política ou identitaria (como ocorre cunha bandeira independentista) pero que están completamente desprovistos de connotacións de carácter violento”. 

Así mesmo, sinala que o Defensor del Pueblo en resposta a outro escrito remitido por Dereitos Civís asegurou nun primeiro momento “compartir o criterio expresado no seu escrito polo Valedor do Pobo respecto a que a limitación por motivos de orde público da liberdade de expresión, que inclúe a liberdade para portar símbolos nacionalistas o independentistas en espazos públicos, debera ser excepcional e aplicada de modo prudencial"". 

O Valedor do Pobo instou en 2014 a diferenciar entre simboloxía que "alente a violencia" como a "fascista ou racista" daqueloutra "política ou identitaria" mais "desprovista de connotacións" violentas

Porén, a respeito do partido no Calderón a institución estatal optou por sumarse ao criterio da Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, que asegura que a retirada de bandeiras como a estreleira galega “non é, como regra xeral, polo seu ‘contido ou ‘significado’ senón por cuestións como, por exemplo, os seus mastros ou paus de suxeición (de posíbel uso agresivo) ou o seu material e tamaño (p.ex. que poden arder con facilidade)”. Unha explicación que DC xulga “delirante”, dado que “ese mesmo criterio podería supoñer a incautación das bandeiras do Real Madrid ou españolas, que son igual de inflamábeis e os seus mastros tamén potencialmente perigosos”. 

Dereitos Civís exixe á Delegación do Goberno español que retire a prohibición polo seu “flagrante carácter antidemocrático”. De non ser así, acrecenta o colectivo, quere coñecer as razóns polas que non se aplican os mesmos criterios no caso da simboloxía española.