Dereitos Civís acumula 45 denuncias contra axentes de Policía e Garda Civil

A plataforma afirma que se lles nega información sobre o estado de tramitación desas demandas alegando supostos ‘’motivos de seguridade cidadá’’.

 

A plataforma ‘Dereitos Civís’ acumula máis de corenta denuncias contra membros das Forzas de Seguridade do Estado en Galiza. Denuncias que responden a diferentes motivos, como explica Renato Nunes, responsábel deste colectivo, en conversa con Sermos Galiza. Un deles é o de non levar os axentes visíbel a obrigatoria identificación, “e a normativa é clara a este respecto”. Mais tamén presentou denuncias, queixas e reclamacións por cargas policiais contra mobilizacións (como a de mariñeiros do cerco ao pé do Parlamento galego en maio de 2014) ou actuacións ‘desmedidas’ con persoas retidas durante protestos, por actuacións policiais que non se axustaban ao protocolo da UIP...

Non paran aquí as causas das denuncias presentadas por DC. Tamén as presentou contra policías e garda civís por, explica Nunes, “falsificación de partes policiais”. E pon o exemplo dunha proposta de sanción a unha persoa que os partes policiais situaban nun protesto en Mondariz-Balneario ´á mesma hora en que esta estaba en Vigo (“como puido acreditar”).

Tamén denunciou esta plataforma o acontecido o 13 de novembro pasado en Compostela. “Tramitáramos petición para nos concentrar diante sede do PP. E cando estabamos alí a policía obrigounos a facelo noutro sitio, nun portal diferente”, di a Sermos Galiza.

IPSS e Defensor del Pueblo

Este tipo de denuncias, queixas, reclamacións presentáronse diante da Inspección de Persoal e Servizos de Seguridade, mais tamén no Defensor del Pueblo. Accións que Dereitos Civís leva realizando desde, lembra Renato Nunes, “máis ou menos, comezos de 2013, van aló dous anos”.

A principal queixa da Plataforma é que non saben que pasa con estas denuncias e queixas. “Non se nos informa sequera se foron tramitadas”, asegura. Intentaron obter esa información mais a resposta recibida é “que non nos van dicir nada, alegan que o fan para non prexudicar a seguridade cidadá!”. E tamén ofrecen un segundo argumento, engade: “que non nos poden informar para non entorpecer as tarefas de investigación”.

Renato Nunes lembra que a Lei de Transparencia obrigaría ás institucións a presentar argumentos concretos en cada caso sobre o que DC pide información de como prexudica á seguridade cidadá. Mais iso, aponta, tampouco se fai.

“Escurantismo”

As primeiras queixas remitidas á unidade de Queixas da Policía Nacional non foron contestadas e a Xefatura Superior da Policía soamente contestou a unha das denuncias afirmando que se lle deu o trámite oportuno, sostén DC. Sen embargo, preguntado polo trámite, négase a informar cal é, puntualiza.

Nove queixas enviadas ao Defensor do Pobo foron arquivadas ao mesmo tempo que a institución abría unha investigación ‘de oficio’ da que o denunciante non recibirá ningunha información. “Unha actuación bastante oscurantista por parte da institución” opina DC.