O deputado Antón Sánchez acusa á Xunta de “cómplice do suculento negocio eólico”

O deputado Antón Sánchez. Foto: cedida.
O deputado Antón Sánchez atacou esta segunda feira a política do Goberno galego a respecto da enerxía eólica. “O sector eólico é un negocio privado moi suculento”, dixo, “e as leis aprobadas no Parlamento deberían defender o interese xeral”. Sánchez cifrou en 600 millóns de euros a facturación anual das empresas eólicas e acusou á Xunta de complicidade con diversos proxectos cuxa legalidade puxo en dúbida.

“Este modelo eólico realízase sen respecto polo país e sen respecto polaxente”, afirmou. Como exemplo colocou un parque eólico que se está a construír entre Triacastela e Samos, “nun espazo que debera estar preservado por facer parte da Rede Natura”. Mais, segundo o parlamentario, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal -publicado no Diario Oficial de Galicia o 14 de agosto- fíxose “para vestir o santo e legalizar obras que xa se estaban realizando ilegalmente”.

“Opacidade” e “ocultación de información” foron outras das acusacións esgrimidas por Sánchez. Para o deputadao, contra “o modelo do expolio cómpre apostar por un modelo sostíbel e democratizado, que poña por diante do beneficio privado as rendas dos habitantes, o crecemento endóxeno, e remate coa barra libre das empresas”. Anunciou o rexisitro dunha Proposición Non de Lei ao respecto.