Afectad@s polas hipotecas piden aos deputad@s do PP que rachen a disciplina de voto e apoien a ILP

Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra
As Plataformas de Afectad@s polas Hipotecas de Galiza presionarán aos deputad@s do PP, o único partido que non se comprometeu a votar en favor da ILP presentada no Congreso. Convídanos a asistiren ás asembleas e a rachar coa disciplina de voto. Son persoas sobre as que pesa a ameaza de seren despexadas das súas moradas. Caso de @s deputad@s non responderen ao convite, pensan en os abordar en calquer espazo público para lles trasladar información directa verbo da súa dramática situación.

 

"Convidámolo a asistir ás reunións das Plataformas de Afectados pola Hipoteca. Convidámolo a coñecer de primeira man e en directo a realidade á que nos vemos abocadas centos de miles de persoas neste país". Deste xeito comeza a carta que recibirán estes días @s deputad@s do PPdeG no Congreso. A iniciativa é a nivel estatal e pretende concienciar da importancia que terá a aprobación ou non da ILP contra os despexos que se conseguiu admitir a trámite hai un mes.

A campaña, primeira na que participan de maneira conxunta as PAH's e Plataformas Stop Desafiuzamentos de Ourense, A Coruña, Ferrolterra, Morrazo, Compostela, Barbanza, Lugo, Vilagarcía e Vigo-Tui, consta de dúas fases. Nunha primeira enviaranse cartas para convidar ás señorías "cambiar de opinión" explicándolles que "os desafiuzamentos por impago de hipotecas son unha das caras máis dramáticas da crise". @s afecta@s sinálanlles que "a única proposta que a día de hoxe ofrece solucións de mínimos a este drama: a ILP pola dación retroactiva, a paralización dos desafiuzamentos e o aluguer social".

Implicación individual

A petición por escrito das PAH´s vai na liña de "tocarlles o corazón", segundo sinala Adolfo da PAH de Vigo-Tui. "Todas as formacións políticas a excepción do PP deron o seu apoio a esta iniciativa popular polo que nos queda a implicación individual de cada deputado, tocándolles a parte emotiva". Na carta as PAH's salientan que "votar en contra ou rebaixala convérteo, aos ollos da maioría, en responsábel directo do sufrimento e a dor de miles de familias deste país", polo que indican que "até que se vote a ILP vostede pode cambiar de opinión".

A carta chegará a Ana Pastor Julian,Telmo Martín Gonzalez, Paz Lago Martínez, Juan de Dios Ruano Gómez, Marta González Vázquez, Trístana Maria Moraleja Gómez, Antonio Pérez Insua, Antonio Eiras Reí, Joaquín María García Díez, Maria Iglesias Fontál, Jaime Olano Vela, Guillermo Collarte Rodríguez, Celso Delgado Arce e Belén Vazquez Blanco.

Segunda fase

"Pensamos que escoitarán e contestarán as nosas demandas", pensa Adolfo, "queremos que teñan información de primeira man e se non poden vir nós mesmos iremos a eles". A segunda fase desta campaña, se non houber contestación, poríase en marcha no prazo de dez días. "Asistiremos aos actos públicos nos que participen e falaremos con eles, sempre de maneira pacífica, sen empregar a violencia".

Nalgunhas convocatorias mesmo fálase de contactar con est@s deputad@s en calquera lugar público (medios de transporte, cafeterías, pola rúa). A campaña conta co apoio de avogad@s e colectivos de artistas para chegar a ter tamén unha grande repercusión cidadá.

 

Texto da carta enviada a deputad@s do PPdeG

Invitámolo a asistir ás reunións das Plataformas de Afectados pola Hipoteca. Invitámolo a coñecer de primeira man e en directo a realidade á que nos vemos abocadas centos de miles de persoas neste país.

Vostede coñece dabondo que as execucións hipotecarias e os desafiuzamentos por impago de hipotecas son unha das caras máis dramáticas da crise en España, que xa levou por diante a máis de 400.000 familias. É unha realidade innegábel para alguén que ostenta un cargo público.

Vostede sabe tamén que o marco legal que regula os impagos de hipotecas condena a familias insolventes á exclusión social e déixaas sen marxe para refacer as súas vidas nin horizonte algún de recuperación. Isto foi avalado extensamente por sentenzas xudiciais, Gobernos doutros países, a relatora de Nacións Unidas polo dereito á vivenda, a avogada do Tribunal de Xustiza da UE, Concellos, etc. A situación vólvese aínda máis incomprensible se se ten en conta que a dación en pagamento, o dereito a unha segunda oportunidade, está contemplada na nosa lexislación para as empresas, pero non para as persoas.

A súa Señoría é perfectamente consciente de que este drama foi ignorado de xeito reiterado polos gobernos de PSOE e PP e que nin o decreto de Boas Prácticas nin a moratoria de desafiuzamentos para casos de extrema vulnerabilidade serviron para resolver o problema.

E tamén sabe que a sociedade fixo súa de forma masiva e incontestable a única proposta que a día de hoxe ofrece solucións de mínimos a este drama: a ILP pola dación retroactiva, a paralización dos desafiuzamentos e o aluguer social.

Todo isto sábeo se vive neste país e coñece á xente do común, a xente normal que está sen traballo e con hipoteca. Ou que ten traballo, pero non gaña suficiente para pagar a hipoteca por ter que afrontar gastos máis importantes como comer ou abastecerse dos servizos básicos. Se non o sabe é porque vostede bota unha venda nos ollos cando sae á rúa ou ignora as novas na prensa sobre persoas desesperadas que tristemente nos deixaron porque xa non puideron máis, pensando que non había saída. Pero si que a hai, a que a Plataforma de Afectados pola Hipoteca puxo enriba da mesa.

Se todo esto non fose sufciente para decatarse, o pasado martes 5 de febreiro a voz da PAH chegou ao Congreso a través da súa voceira, Ada Colau, que compareceu na Comisión de Economía para falar sobre o proxecto de protección dos deudores hipotecarios. Ese día entregamos outra carta coa que solicitamos ao seu grupo parlamentario que se comprometa por escrito a defender as demandas que contén a ILP sen rebaixas nin concesións de ningún tipo. O silencio ou unha negativa do seu partido á misiva equivale a ignorar o sufrimento de miles de persoas e a vontade dunha incontestábel maioría

Terminamos, Señoría:

A ILP tramitouse e vostedes teñen que presentar enmendas para posteriormemente votala no Congreso. Poden respectar as demandas de mínimos recollidas na ILP, ou amplialas. Tamén poden votar a favor de perpetuar os privilexios da banca. Pero votar a favor da ILP bríndalle unha nova oportunidade para acabar con este drama social, estar á beira do pobo e recuperar parte da lexitimidade perdida. Votar en contra ou rebaixala convérteo, aos ollos da maioría, en responsable directo do sufrimento e a dor de miles de familias deste país. Apelamos á súa conciencia persoal e á súa humanidade ante o sufrimento e a vida da xente. Baixe á rúa e escoite aos afectados. Ata que se vote a ILP vostede pode cambiar de opinión. Veña visitarnos. Se non pode, teremos que achegarnos nós.

PAH VigoTUi
Stop Desafiuzamentos Lugo
Stop Desafiuzamentos-ALPA Vilagarcía
Stop Desahucios Coruña
Stop Desafiuzamentos Ourense
Stop Desafiuzamentos Compostela.
“Ferrolterra”
Stop Desafiuzamentos Barbanza
PAH Morrazo