A Deputación de Pontevedra aproba axudas aos 9 concellos máis avanzados na compostaxe

César Mosquera
Anunciounas esta quinta feira César Mosqueira (BNG), vicepresidente da institución. 

"Este vai ser o mandato da consolidación do Plan Revitaliza", dixo esta quinta feira en conferencia de imprensa César Mosqueira. O vicepresidente da Deputación anuncio que esta sexta feira a Xunta de goberno da corporación provincial dará luz verde a axudas por un valor de 1.726.000 euros aos concellos de Mondariz, As Neves, Tomiño, Vilaboa, Mondariz Balneario, Illa de Arousa, Valga, O Grove e Poio.

Con estas subvencións os concellos poderán adquirir composteiros individuais, colectivos, maquinaria e vehículos e, en xeral, todo o preciso para "botar a andar e desenvolver de maneira correcta planos municipais de tratamento de residuos adaptados á compostaxe", precisa a Deputación nun comunicado de imprensa.

As axudas alcanzan até 90% do orzamento solicitado polos concellos que optaban a elas. Mosquera informou de que un total de 42 concellos pontevedreses xa se teñen adherido ao Plan Revitaliza.

"Pontevedra é a provincia con máis concellos a mellor ritmo para cumprir coa normativa, pero cumprir de verdade e non contando como reciclaxe algo que non é", precisou o vicepresidente da Deputación.