Plan Revitaliza

A Deputación de Pontevedra tenciona aforrar ao ano máis de 1.200 toneladas de emisións de C02

A deputada provincial Eva Villaverde e o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, durante o primeiro balanzo do Plan Revitaliza, en xullo pasado

“Cos composteiros instalados na provincia polo Plan Revitaliza aforraremos nun ano máis de 1.200 toneladas de emisións de CO2 á atmosfera”, explicou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, no balance dos beneficios ambientais da implantación da compostaxe como sistema de xestión do lixo orgánico. 

Segundo o vicepresidente, a compostaxe non só supón un aforro de gasto para os concellos da provincia en termos económicos, senón tamén unha vantaxe medioambiental clara pola redución de gases de efecto invernadoiro. Tamén aclarou que cada habitante produce ao ano unha media de 190 quilos de biorresiduos que, unha vez tratados co actual sistema de Sogama, supoñen a emisión á atmosfera de 261,16 quilos e CO2. Pola contra, ao tratar ese lixo orgánico coa compostaxe nos centros da Deputación eliminouse o CO2 da recollida do camión, o transporte a Cerceda e a incineración, producindo unicamente 116 quilos. É dicir, chegouse  a un aforro de 55,56%.

Segunda fase do Plan Revitaliza

O número de adhesións á segunda fase do Plan Revitaliza foi dun total de 29 peticións, o que supón un número de concellos maior do previsto. “Dimensionamos o servizo para que entrasen 15 ou 20, que xa eran un número elevado de atender. Faremos un esforzo para xestionar todo. As previsións que facemos desbórdannos para arriba sempre, mais estamos moi contentos de que o plan vaia así de ben”, afirmou Mosquera. 

A adhesión ao Plan Revitaliza supón o compromiso dos concellos da provincia de, nos vindeiros catro anos, tratar mediante a compostaxe o 75% dos biorresiduos xerados en cada municipio. Esta porcentaxe débese ás esixencias da Unión Europea que establece que como obxectivo deben preparase para a reciclaxe polo menos o 50% do total dos residuos urbanos no ano 2020. Nese senso, Mosquero puntualizou que “os biorresiduos na Galiza pasan do 50% do total. Se non tes un tratamento específico para eles é imposíbel acadar o obxectivo da UE. Reutilizar e reciclar todo o resto das fraccións na súa totalidade, por moitos que separes ben, é imposíbel. Estar nun 80% de separación é moi difícil, e aínda así non chegarías a tratar o 40% da totalidade do lixo”. 

Unha vez adheridos á segunda fase do Plan, os concellos da provincia poden beneficiarse da redacción dun Plan Municipal de Residuos personalizado por cada municipio en función da súas necesidades de tipo de recollida e tratamento, así como optar a subvencións para a compra de composteleiros comunitarios e individuais. 

Primeiras ‘compost-hortalizas’

Mosquera mostrou os primeiros produtos de horta da escola infantil do Príncipe Felipe e do Carlos Oroza abonados unicamente con compost. “Príncipe é o único centro das súas características do que non sae ningún tipo de biorresiduo para o seu tratamento. Todo o que se xera trátase no composteiro e despois, no compost, abónanse as hortas... o que se chama ecoloxía circular, afirmou.