A Deputación de Pontevedra incumpre a lei galega na contratación de arqueólog@s

[Imaxe de arquivo]

Eduardo Rodríguez denunciou perante o Valedor do Pobo o incumprimento do decreto que regula a actividade arqueolóxica en Galiza após ficar excluído dunha bolsa de emprego público por non contar coa titulación solicitada polo goberno provincial. 

 

A Deputación de Pontevedra deixou fóra das bolsas de traballo para arqueólog@s e técnic@s en arqueoloxía a un bo feixe de persoas. O goberno provincial redactou un prego de condicións que exixía o título de Licenciatura ou Grao de Historia con especialidade en arqueoloxía, unha titulación de recente implantación. A exclusión daquelas persoas especializadas en Prehistoria foi denunciado ao supor o incumprimento do decreto autonómico (199/97) que regula a actividade arqueolóxica en Galiza, competencia exclusiva da Xunta. 

As bases condicións exixidas pola Deputación incumpren o Decreto 199/97 da Xunta de Galiza polo que se regula a actividade arqueolóxica

Eduardo Rodríguez foi unha das persoas excluídas. O seu caso é paradigmático pois "xa traballei para a propia Deputación en 2012, no Proxecto depoDeza", sinala en conversa con Sermos Galiza. Porén, cando se presentou á convocatoria publicada pola institución provincial para acceder a unha bolsa de emprego en arqueoloxía, Rodríguez foi excluído argüíndo que "non contaba coa formación solicitada". 

Este licenciado en Historia rematou a carreira en 1995. O plan de estudos que cursou capacítao para exercer como arqueólogo por se especializar en Prehistoria, de acordo tamén coa lexislación que regula esta actividade. Por este motivo presentou un recurso ao se faceren públicas as listaxes provisionais, reclamando amparo cando estas se tornaron definitivas. "Creo que se está a rachar cos principios que rexen calquera función pública" pois, explica, "levo anos exercendo" mesmo para a Deputación. 

"Presentei dous recursos e non me contestaron, dixéronme en agosto que me chamarían e aínda non souben nada". Así é que decidiu presentar unha queixa perante o Valedor do Pobo. "Quero pegar un toque de atención pola deixadez amosada pola administración". Semella, di, "unha desidia". 

En 2012 a CIG denunciou a contratación de 15 operarios sen formación no Monte do Castro (Ribadumia)

Persoal non cualificado

Neste senso, non é a primeira ocasión en que a Deputación de Pontevedra desenvolve con pouco rigor as súas actividades arqueolóxicas. En xullo de 2012 foron denunciados pola CIG os traballos que o goberno provincial puxo en andamento no Monte do Castro (Ribadumia). Nesta excavación estaban a traballar 15 operarios sen formación na materia. 

A central sindical nacionalista denunciou que estas 15 persoas --das 20 totais que conformaban o grupo-- supuña un risco para o Patrimonio mais tamén, o incumprimento do convenio colectivo a respeito da ratio de oficiais por técnico. "Os postos xa estaban decididos de antemán", sinalaban desde a CIG naquela altura apuntando que as persoas contratatas proviñan maioritariamente do concello no que naceu o presidente provincial, Rafael Louzán, do que é edil e no que comezou a súa carreira política.