Un total de 210 persoas formaranse na Facultade Ágora para dar valor ao espazo urbano

O deputado nacionalista, Uxío Benítez, intervén na inauguración da Facultade Ágora. (Foto: Deputación de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra inaugura o proxecto onde buscan formar e reflexionar sobre o "espazo público como un dereito da cidadanía".

A Facultade Ágora comezou esta terza feira as súas xornadas formativas coa conferencia do director xeral de Axenda Urbana do Ministerio de Transportes, Iñaqui Carnicero, e a participación de 210 alumnas e alumnos.

Na súa comparecencia, Carnicero dixo agardar que "o proxecto sirva para contaxiar a outros territorios e que pouco a pouco cheguemos a un conxunto de cidades e vilas que entendan a transcendencia do espazo público". 

A Facultade Ágora é un proxecto da Deputación de Pontevedra, ideado polo deputado de Espazo Público, o nacionalista Uxío Benítez. O seu obxectivo é "contribuír á formación e á reflexión do espazo público como un dereito da cidadanía para incrementar este espazo para as persoas de aquí a 2023", indicou o deputado. Ademais, tamén afirmou que a Facultade é "un proxecto en construción e que está aberta a incorporacións e á exportación de coñecementos".

O deputado agradeceu, así mesmo, a presenza de Carnicero en Pontevedra e a "colaboración amosada desde o Ministerio pola coincidencia e semellanza de Ágora cos obxectivos de Axenda Urbana".

"Non dubidamos en apoiar esta iniciativa", destacou o director xeral de Axenda Urbana. "A Facultade comparte o espírito de Axenda Urbana de transmitir coñecemento e casos de éxito como o de Pontevedra, un caso que se coñece en todo o mundo, debe servir para contaxiar outros municipios", engadiu.

"Todo acontece no espazo público"

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou que "na actual situación de pandemia, onde se está a falar dun novo modelo económico e social, o espazo público ten que ser o centro das decisións, porque todo acontece nel". 

Silva definiu a Facultade como "unha extraordinaria idea". "Non creo que exista ningún espazo no país ou no Estado español tan potente de reflexión, de proposta e de dinamización do cambio e transformación que se precisa", aseverou. 

Por outra banda, Carmela Silva destacou deste proxecto a "paridade no elenco de persoas relatoras, homes e mulleres participando para este cambio que xera actividade económica, socialización e que loita contra o cambio climático para construír cidades medioambientais sostíbeis". 

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, participou na xornada e subliñou que a cidade de Pontevedra foi, sen dúbida, "pioneira en pór en marcha unha transformación urbana centrada nas persoas, a motivación central para o cambio foi vivir mellor en Pontevedra", salientou. Amais, destacou que a facultade é "unha iniciativa absolutamente necesaria e fundamental, porque sen esa formación, coñecemento de fracasos e acertos e adaptación aos cambios que se fagan nas vilas non van funcionar e córrese o risco de rebentalas". 

Na xornada tamén estivo Rocío Plasencia, da Rede de Cidades que Camiñan –encargada da organización técnica da Facultade–, que puxo sobre a mesa as coincidencias da Ágora coa filosofía da entidade. Pola súa banda, o experto en mobilidade Fernando Nebot destacou que "o impulso político é esencial desde a concepción en toda intervención no espazo público e que coa materialización da actuación non se consegue a culminación da intervención, senón que iso só acontece cando é asumida e gozada polas persoas na súa vida diaria".