A Deputación de Pontevedra destina 1,5 millóns a un novo modelo turístico "sostíbel e adaptado"

Carmela Silva durante a presentación das iniciativas. (Foto: Deputación de Pontevedra)
A entidade prevé dedicar unha nova camelia do xardín do castelo de Soutomaior á escritora Emilia Pardo Bazán. Esta é só unha das actuacións previstas para este ano, no que se vai traballar na dixitalización da rede de información.

Nunha época na que o turismo non vive o seu mellor momento e quizais tarde en recuperarse, algunhas administracións públicas xa pensan en como facer atractivas de novo as localidades para reactivar as visitas após a pandemia. É o caso, por exemplo, da Deputación de Pontevedra que hoxe anunciou a licitación da iniciativa Tourist Inside, para potenciar un modelo de turismo “sostíbel e adaptado”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, concretou que está previsto un investimento de 1,5 millóns de euros para camiñar cara un turismo de carácter “intelixente, dixital, innovador, sostíbel e adaptado ás demandas” das visitantes.

O programa Tourist Inside, segundo a representante, vai permitir transformar a oferta existente actualizándoa. Por exemplo, vanse modificar as oficinas de información das Rías Baixas e vanse colocar puntos virtuais.

As e os visitantes tamén disporán de aplicacións para os móbiles e, ademais, vaise facer “unha forte aposta no marketing en liña e a optimización dos portais web”. Deste xeito, pénsase nunha promoción a gran escala, pero nun ámbito no que aínda queda moito por explorar e a proximidade ás potenciais viaxeiras permite empregar outros modelos publicitarios.

A Deputación concretou que a medida programada nos orzamentos tamén vai probar a idea piloto da “praia intelixente”, a través da que se procurará xestionar o estado da auga, o tráfico nos accesos a estes espazos, a recollida de lixo e a capacidade dos areais, máis tendo en conta as complicacións da situación actual. De feito, este pasado verán xa se viron praias con parcelas e outros sistemas por toda Galiza.

Estratexia global a medio prazo

A máis medio e longo prazo, prepárase un Plan Estratéxico de Turismo que se vai tecer co traballo especializado en mesas temáticas que empezarán a funcionar a partir da semana próxima.

Como sempre, todo isto vaise dar ao tempo que continúan outras actuacións previas como os arranxos no castelo de Soutomaior ou o nomeamento de novas camelias no Xardín de Excelencia Internacional do complexo. Este ano, coincidindo co centenario do seu pasamento, terá unha co seu nome Emilia Pardo Bazán.