A Deputación de Pontevedra avanza no plan que prioriza persoas ante coches

Un momento do encontro en Madrid. (Foto: Deputación de Pontevedra)
O proxecto Ágora procura valorizar o espazo público dos concellos

O proxecto Ágora da Deputación de Pontevedra -rede de acción institucional a prol de valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía- é susceptíbel de conseguir financiamento europeo.

Así o indicaron fontes ministeriais do Estado español após o encontro en Madrid do titular de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, co director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Mobilidade, Iñaqui Carnicero.

Benítez mantivo a reunión en Madrid, na que tamén estivo persoal técnico de ambas as Administracións, para presentar o proxecto Ágora, obtendo "moi boa sintonía e receptividade", xa que a Deputación "está a ser unha das institucións que está traballando a nivel estatal para recuperar espazo público para as persoas fronte ao vehículo privado", resaltou Benítez. 

Ademais lembrou que Ágora ten como obxectivo recuperar o espazo público nos concellos de forma cuantificábel e reverter a tendencia de "invasión" dos vehículos a motor para que en 2023 o espazo para as persoas sexa maioritario. 

No plazo para inscribirse, houbo unha gran acollida en comarcas como O Morrazo o o Baixo Miño.

Unificar criterios na raia

Que na beira portuguesa do río Miño as ecopistas están feitas de formigón e no lado galego só poidan ser de xabre, ou que nunha beira haxa control de aves protexidas e de especies invasoras e na outra non, ou mesmo que nun lado se permitan recheos e no outro estean prohibidos son cuestións que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (integrada pola Deputación de Pontevedra) quere abordar cos Gobernos galego, español e portugués. 

A idea é unificar os criterios de actuación e protección do Miño nun plan de xestión transfronteirizo común e coordinado que evite criterios diferentes e "disfuncións", resaltou o deputado Uxío Benítez.