O Concello da Rúa consegue que a Deputación de Ourense asuma a extinción do incendio que afecta o vertedoiro
Os traballos de extinción comezarán a vindeira segunda feira.
A Deputación de Ourense anunciou este sábado que asumirá a extinción do incendio que afecta o vertedoiro da Rúa, en Valdeorras, desde hai dúas semanas, logo de que a Xunta da Galiza se desentendera dos labores de extinción do lume.
Os traballos correrán a cargo da empresa pública Tragsa a través dunha contratación de emerxencia solicitada pola alcaldesa, María González Albert, e terán un orzamento próximo aos 100.000 euros.
O presidente provincial, Luís Menor, explicou en rolda de prensa que o lume presenta unha elevada complexidade técnica pola súa localización nun vertedoiro municipal, polo que require medidas de seguridade específicas. "Independentemente das nosas competencias, estivemos sempre dispostos a cooperar e así o faremos, dando solución a unha emerxencia con total garantía", afirmou.
Menor sinalou que a decisión se adoptou tras os informes técnicos e a recomendación da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que desaconsellara a extinción con medios propios. Finalmente, optouse pola contratación dunha empresa especializada que garanta a seguridade das operacións.
O inicio dos traballos está previsto para esta mesma segunda feira, coa chegada das máquinas durante a fin de semana. O presidente da Deputación confiou en que a extinción poida completarse "en poucos días", grazas á intervención da empresa pública.
Pola súa banda, a alcaldesa, María González Albert, fixo referencia aos "duros momentos" que viviu como representante dos veciños ante este problema e agradeceu a cooperación da Deputación para afrontar a viabilidade dunhas obras "complexas", trasladando tamén o agradecemento da veciñanza da Rúa e da comarca "porque ten demostrado que colectivamente se conseguen as cousas".