Máis de mil veciños de Petín e A Rúa forman unha cadea humana para reclamar á Xunta solucións para o vertedoiro

Protesta dos veciños e veciñas esta sexta feira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Máis de mil veciños de Petín e A Rúa (comarca de Valdeorras) formaron unha cadea humana entre ambas as localidades para mostrar a súa unión e reclamar axuda á Xunta polo "aire irrespirábel" que emana do vertedoiro, alcanzado polo incendio de Larouco o pasado 15 de agosto.

Equipados con máscaras para soportar o cheiro a químicos e co vertedoiro fumeando ás súas costas, os habitantes da zona camiñaron da man protestando pola situación que viven desde hai semanas.

Tal e como trasladou a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista, a concentración foi proposta polos veciños, que levan semanas reuníndose na Casa da Cultura, que funciona como núcleo para a repartición de auga. Alí, os habitantes, preocupados porque o aire é "irrespirábel", empezaron a buscar solucións.

Hai dous días xa se manifestaron en coche, nunha convocatoria á que se sumaron 200 persoas formando unha caravana de vehículos que chegou até O Barco de Valdeorras, tamén afectado pola nube do vertedoiro.

O motivo foi o mesmo: "loitar contra esta inxustiza", manifestaba a alcaldesa, que participou en ambas as convocatorias. "Necesitamos abrir as casas, non ter as xanelas pechadas porque nos intoxicamos, queremos unha solución xa", reclamou.

Nesta liña, o Concello da Rúa convocou unha concentración de protesta este domingo ás 12.00 horas fronte á casa do concello, na que reclamasen ás autoridades competentes -Xunta e Deputación de Ourense- axuda para paliar a situación.