A Deputación de Lugo estuda demandar a SAE pola denuncia sobre a residencia de Trabada

Un traballador sanitario dunha ambulancia protexido contra a Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Asegura que a xestión dos centros de maiores de Cervo e Trabada son moi diferentes. Neste último caso a titularidade é da institución, polo que hai un férreo control de como se prestan os servizos.

A Deputación de Lugo vén de anunciar que estuda demandar ao Sindicato de Técnicos de Enfermaría (SAE) polas “falsidades” comunicadas esta sexta feira sobre o centro de maiores de Trabada.

A central sindical enviou un comunicado no que aludía ás “graves deficiencias” nas condicións de traballo nos xeriátricos de Cervo e Trabada, ambos xestionados por Mensaxeiros da Paz. Con motivo destes problemas, interpuxo unha denuncia ante a Inspección de Traballo.

Porén, a Deputación nega que en Trabada se den “irregularidades” e mesmo advertindo de que a Asesoría Xurídica vai estudar accións legais contra o sindicato “polas inxurias e calumnias”. Fontes da institución lucense defenderon que o trasladado polo SAE é unha “total falsidade” e revirte “extrema gravidade”.

Respecto ao centro de maiores de Trabada, asegura que “non só cumpre en todo momento coas cocientes de persoal marcadas pola Xunta, senón que está sempre moi por encima das obrigacións legais estabelecidas”. Sobre o suposto cambio de quendas ao cadro de persoal con pouco tempo, o organismo di que tivo lugar “de forma puntual” precisamente por mor da pandemia.

Así mesmo, nas denuncias sobre o abono dos salarios, a Deputación “nunca puido constatar, nos diferentes controis que realiza, que non se cumprise co establecido no convenio colectivo de aplicación”.

Diferencias de organización

Nun comunicado, as mesmas fontes aseguran que hai equipos de protección individual suficientes e que nas residencias da súa titularidade os protocolos de seguridade ante o virus “están a dar bo resultado e protexen tanto aos residentes como aos traballadores”. Ademais, destaca que “os modelos de xestión” de Cervo e de Trabada son “completamente distintos”.

No primeiro caso, a xestión é só de Mensaxeiros da Paz, mentres que en Trabada é a Deputación a que controla e existe un contrato de servizos.