Na Coruña

A Deputación exixe á Xunta que financie a desinfección dos colexios

Valentín González Formoso durante un pleno telemático. (Foto: Deputación)
A Deputación da Coruña tira dun informe xurídico para avisar de que os concellos están a asumir uns traballos que son competencia do Goberno galego. A crítica, e consecuente demanda de fondos, vén motivada porque as actuacións implican un alto sobrecuste inesperado para as arcas municipais.

A Deputación coruñesa quere que sexa a Xunta a que asuma os gastos polas actuacións para limpar e desinfectar os centros educativos, unha labor da que polo momento se están a facer cargo os propios concellos. A demanda da institución está relacionada coas tensións económicas que estas tarefas están a supoñer nas contas da maioría dos municipios.

Para reforzar o seu discurso de reivindicación ante a Xunta, o presidente do organismo, Valentín González Formoso, encargou un informe á Asesoría Xurídica para aclarar de quen son as competencias. "Para os concellos, asumir a desinfección dos colexios varias veces ao día e incrementar os cadros de persoal do servizo de limpeza supón un gasto moi importante", advertiu.

Ante as queixas que chegaron desde distintos municipios, o informe é revelador: "Aclara que, unha vez máis, os concellos estamos asumindo unha competencia que non nos corresponde".

Tras contar con ese apoio xurídico, González Formoso exixe á Xunta que dea "apoio económico" aos concellos, de forma que estes poidan desenvolver unhas funcións tan fundamentais neste momento "coas máximas garantías".

Consignación orzamentaria

O documento será empregado para reclamar a implicación do Goberno de Feixoo, mais tamén foi enviado aos diferentes concellos para que teñan coñecemento de cales son os seus dereitos e deberes neste contexto de maior esforzo na limpeza para evitar a expansión do coronavirus.

Desde a Asesoría Xurídica da Deputación aseguran que, se a Xunta "optara por ampliar as competencias sobre conservación e mantemento de centros escolares, coa inherente carga financieira que conlevaría, debería pór ao dispor dos concellos a correspondente provisión de medios económicos para o exercicio da mesma". Para xustificar esta cuestión fai referencia aos artigos 7 e 27 da Lei de bases de Réxime Local.

"En modo algún pode encomendarse ás entidades locais novas funcións e responsabilidades na conservación e mantemento dos centros escolares, que son de titularidade autonómica, sen a corresponde consignación orzamentaria", insistiu González Formoso.