A Deputación da Coruña volve premiar iniciativas empresariais

A cooperativa Numax foi premiada na terceira edición deste premio (Imaxe: Nós Diario).
Convoca a cuarta edición do seu Premio á mellor iniciativa empresarial cunha categoría adicional para as iniciativas, públicas ou privadas, de adaptación á Covid-19.

A Deputación da Coruña vén de convocar a IV edición do seu Premio á mellor iniciativa empresarial, enmarcado no seu Plan de Emprego Local (PEL). O orzamento destinado a esta distinción ascende a 75.000 euros repartidos entre cinco categorías, cun galardón de 15.000 euros para cada unha delas.

Entre as categorías figuran o Premio á mellor iniciativa empresarial nova, o Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada, o Premio ao concello promotor de emprego de calidade e mais o Premio á mellor asociación empresarial.

Como novidade, a Deputación introduciu unha nova categoría á mellor iniciativa innovadora na loita contra a Covid-19.

Segundo recolle nas bases, dispoñíbeis no portal da institución, está destinada a pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos ou municipios que "a través dunha actividade innovadora axudasen a frear a expansión da Covid-19".

A maiores, sinálase que se valorará a investigación dunha posíbel cura ou a contribución a paliar os danos ocasionados pola pandemia, o desenvolvemento de medidas implantadas para o benestar e seguridade do persoal ou a realización de accións altruístas nos pasados meses.

Poden participar deste premio pequenas, medianas empresas, microempresas, autónomos asociacións empresariais e concellos de menos 20.000 habitantes da Coruña.

Na anterior edición recibiron un premio o concello de Vedra, a asociación de empresarios de Ferrolterra, a cooperativa Numax, a escola de maquillaxe profesional Estudio 1917 e a tecnolóxica Igalia.