A Deputación da Coruña reactiva a súa campaña polo 25-N

Presentación da reactivación da campaña (Foto: Deputación da Coruña).
 "De fronte á violencia de xénero", a campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña, contará cunha programación na que haberá unha 'ciberquedada' e microvídeos, ademais dun acto institucional o 25 de novembro.

A campaña "De fronte á violencia de xénero" da área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada nacionalista María Muíño, volveuse activar outro ano máis coa idea de incidir na sensibilización e fomentar a reflexión entre a poboación moza, sobre todo coa tecnoloxía como elemento facilitador das desigualdades de xénero e de prácticas de violencia machista.

Muíño, durante a presentación decorrida esta segunda feira, explicou que "os datos obxectivos indican que a violencia machista pervive de maneira estrutural na nosa sociedade". 

Segundo a institución, "un de cada cinco rapaces ou rapazas de entre 16 e 25 anos considera que a violencia machista non existe e asimílana como un invento ideolóxico creado polo movemento feminista, e só catro de cada dez considera que as desigualdades de xénero son elevadas e causan dano ás mulleres".

A deputada asegurou que o programa contribuirá “a crear contextos de sensibilización e educación da mocidade, e dotalos de ferramentas para que sexan quen de recoñecer e visibilizar a violencia machista e a desigualdade". 

Programación

Na programación figura unha ciberquedada co fío condutor das violencias dixitais que se retransmitirá o 24 de novembro desde o IES Rosalía Mera (A Coruña) na que participará alumnado de máis dunha vintena de centros educativos de secundaria.

Ademais, realizaranse microvídeos con información para sensibilizar sobre situacións reais nos que a cara visíbel será a actiz Melania Cruz e que se pendurarán o 21 na web da campaña.

Alén diso, entregaranse 10.000 vasos co logo da campaña en centros educativos, haberá actividades específicas e un acto institucional o 25 de novembro no IES Puga Ramón da Coruña.