A Deputación da Coruña promociona en Xantar a riqueza gastronómica dos concellos

Presentación

O 4 de febreiro será o Día da Coruña en Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se desenvolve do 3 ao 7 en Ourense. A Deputación da Coruña e os concellos convidados mostrarán os seus mellores produtos e iniciativas neste neste escaparate do turismo gastronómico.

O deputado da área de Cultura, Xosé Regueira, e a directora adxunta de Expourense, Enma González, presentaron en rolda de prensa a participación da Deputación da Coruña en Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que abre as súas portas o día 3 en Ourense.

A través da Deputación da Coruña, distintos concellos da provincia levarán a Xantar os seus mellores produtos e iniciativas gastronómicas que serán presentadas non só no stand senón por medio de distintas accións no programa oficial, en especial,  showcooking, degustacións ou outros formatos de presentación.

Día da Coruña

O xoves 4 de febreiro será a xornada central coa celebración do Día da Coruña en Xantar cun acto central que terá lugar ás 13 horas coa participación da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín e o responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira. No programa inclúese a actuación dun grupo do Conservatorio Profesional de Danza que interpretará a peza “Fóra da Casa” con alumnado do centro.

Ao longo dos cinco días desenvolveranse distintas actividades por parte dos concellos que responderon ao convite da Deputación para presentaren os seus produtos e festas gastronómicas nesta feira que ten a singularidade de se dedicar ao turismo gastronómico, ámbito de especial interese para os destinos galegos.

O bolo do pote de Mazaricos, as algas e ourizos de Camariñas, os pinchos irmandiños de Vimianzo, as filloas de Zas, os produtos do mar de Arousa, o queixo de Arzúa ou os pementos de Narón son algúns dos produtos estrela que chegarán a Xantar da man da área de Turismo da Deputación, que preside o nacionalista Xosé Regueira. Showcooking e degustacións permitirán ao público achegarse a un tesouro gastronómico que é chave no turismo de calidade dos distintos destinos da Coruña.

“Consideramos necesario e de grande interese aproveitar a posibilidade que nos dá termos no país un escaparate internacional do turismo gastronómico para promocionar os seis xeodestinos diferentes con potencialidades turísticas de seu”, sinalou o nacionalista Xosé Regueira quen anotou a relevancia da gastronomía como unha das potencialidades turísticas dos destinos galegos, como se comproba nos estudos das percepcións destacadas polos visitantes.

“Temos produto e cociña de primeiro nivel e queremos ofertalo en Xantar, desde a horta até peixe ou marisco pasando polas excelentes carnes e é obriga da Deputación axudar a  promocionalo”, engadiu Regueira.

A directora adxunta de Expourense, Enma González, destacou tamén a relevancia deste encontro único de turismo gastronómico e parabenizou a presenza da Deputación da Coruña de maneira especial na programación de experiencias arredor de propostas e produtos.

“Pretendemos que sexa unha iniciativa interactiva, que as propostas participantes non teñan só presenza nun stand senón que sexan activas, cunha promoción de carácter experiencial”, afirmou Enma González dunha feira que supera as 20.000 visitas e que ten un mínimo de 10% de público procedente de Portugal.

Paquete Tren Xantar 2016

A directora adxunta de Expourense aproveitou a roda de prensa para presentar o “Paquete Tren Xantar 2016” unha proposta aberta ao público que inclúe viaxe de ida e volta en tren desde A Coruña e Santiago ate Ourense visita a Ribeira Termal do Miño con baño opcional, entrada no recinto feiral e almorzo nun dos restaurantes de Xantar, visita ás Burgas e ao Casco Histórico e regreso á cidade de destino. A saída será ás 9.30 desde A Coruña e o regreso ás 20.30 cun prezo para toda a xornada de 60 e 50 euros.