A Deputación da Coruña pide a abolición das 'touradas' na Galiza

Protesta antitouradas na Coruña

O pleno da entidade provincial aproba o compromiso de non patrocinar con fondos públicos a organización de eventos tauromáquicos no seu eido competencial. Galiza mellor sen touradas parabeniza a Deputación por ser a primeira das do estado en dar este paso.

A Deputación da Coruña convertiuse esta sexta feira na primeira institución provincial no Estado en aprobar unha moción solicitando a abolición das touradas, neste caso no territorio galego, e asumindo o compromiso de non patrocinar con fondos públicos a organización de eventos tauromáquicos no seu eido competencial. A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas e a Asociación Animalista Libera amosaron a súa ledicia por unha iniciativa pioneira no Estado e tamén por “supor un novo chanzo no traballo que a Sociedade civil e os colectivos están a artellar para rematar coa pervivencia das touradas no país”.

A moción foi presentada polo grupo de goberno da Deputación, conformado polo PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, e contou cos votos a favor dos deputados provinciais da Marea Atlántica, Compostela Aberta e de Alternativa dos Veciños, sumando unha folgada maioría de 18 votos a prol de solicitar ao goberno galego os trámites necesarios para rematar coas touradas e apoiando a proposta de non adicar cartos públicos a eventos de maltrato animal.