A Deputación da Coruña investigará se existen máis casos de aborto sen asistencia na Galiza

[Imaxe Deputación da Coruña]

Procurará información entre as demais institucións provinciais e amósase partidaria de crear dous centros de referencia na Galiza. 

Esta segunda feira (22 de febreiro) a vice-presidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín (BNG), mantivo un encontro con representantes da Plataforma polo dereito ao aborto e das demais forzas con representación no pleno para abordar o conflito xurdido arredor dos abortos durante o segundo trimestre de xestación no Hospital Materno. 

BNG, Marea Atlántica, PSOE, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños instarán a Xunta a aplicar os protocolos internacionais dos abortos

No encontro, no que estiveron presentes deputad@s de Marea Atlántica, PSOE e Alternativa dos Veciños de Oleiros acordaron iniciar unha rolda de contactos coas demais Deputacións provinciais para determinar se existen máis casos de interrupcións da gravidez sen asistencia sanitaria como aconteceu no CHUAC e no CHUF

Aliás, avanzaron que as forzas políticas con representación, agás o PP, presentarán unha moción para na que se insta á Xunta a que se abra unha investigación sobre o contido das denuncias existentes ademais de incluír a esixencia de aplicar os protocolos internacionais co fin de garantir a atención sanitaria e psicolóxica ás mulleres.

No nº183 publicamos unha reportaxe sobre as interrupcións do embarazo no segundo trimestre

Desde a Plataforma polo dereito ao aborto defenderon a creación de hospitais de referencia no que sexan atendidas as mulleres que decidan abortar ou sufran un aborto espontáneo. Unha tese que defenden profesionais da Xinecoloxía como o doutor José Luís Doval, xefe de Xinecoloxía e Obstetricia do CHUOU, con quen conversamos no número 183 do semanario en papel que sairá do prelo na quinta feira no que publicamos unha reportaxe a dupla páxina sobre os abortos no segundo trimestre de xestación ao fío do conflito xurdido no Teresa Herrera.