A Deputación da Coruña axudará autónomos con tres millóns

Terraza dunha estabelecemento sen clientela (Foto: Europa Press)

A Deputación da Coruña mobilizará tres millóns de euros en axudas para o sector do comercio e a hostalaría nas grandes urbes.

A Deputación da Coruña mobilizará un montante de tres millóns de euros que se destinará a axudas para o sector do comercio e a hostalaría nas grandes urbes debido ás consecuencias das restricións decretadas para frear a pandemia provocada pola Covid-19.

Esta colaboración enmárcase dentro dun plan co que o organismo provincial "mobilizará unha partida de 3 millóns de euros co obxectivo de dar cobertura e suplementar os programas municipais de apoio a autónomas, autónomos e microempresas da Coruña, Ferrol e Santiago", anunciou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Esta nova liña de 3 millóns sumarase aos 12,5 millóns do plan Pel-Reactiva que a Deputación, en colaboración cos concellos, ten en marcha para apoiar os pequenos negocios locais afectados pola Covid-19.

Estes días, 88 municipios de menos de 50.000 habitantes están a canalizar todas as solicitudes do seu tecido empresarial para distribuír estes fondos, con axudas que oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros.

"Só temos competencia en concellos de menos de 50.000 habitantes pero a lei permítenos realizar actuacións excepcionais en materia de apoio a cidades e creo que o contexto sanitario actual xustifica esa colaboración que se vai  materializar coa Coruña, con Santiago e con Ferrol", explicou González Formoso.

No caso de Ferrol, o Concello pretende lanzar unha nova liña de axudas dirixida fundamentalmente ao sector da hostalaría, do comercio e das actividades culturais para os que destinará ao redor de 1,2 millóns de euros do seu remanente de tesourería e, coa colaboración da Deputación, preténdese alcanzar os 2 millóns de euros de orzamento.

Formoso aclarou que  "aínda non se concretou se se sacará como unha liña específica de axudas ou como convenio", e matizou que a súa preferencia é a o convenio, xa que é a máis rápida, para que as axudas cheguen canto antes.