Día contra a violencia machista

As denuncias por violencia de xénero retiradas caen 29%

Desde o ano 2015, a Galiza acumula máis de 42.772 denuncias por violencia de xénero.

Os órganos xudiciais da Galiza rexistraron o ano pasado 6.219 mulleres vítimas da violencia de xénero, un 2,4% máis con respecto ao ano anterior. No que vai de 2022, os informes trimestrais do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) apuntan un novo incremento que tamén afecta ás denuncias e ás sentencias condenatorias.

A Galiza fechou o ano 2021 con 6.259 denuncias por violencia de xénero. Segundo recolle a memoria anual da Fiscalía Superior da Galiza, as acusacións responden a casos de violencia, tanto física como psicolóxica, exercida por un home sobre a muller no ámbito da relación de parella ou ex parella, conxugal ou de feito, aínda no caso de que xa non medie convivencia.

Máis denuncias

A estatística xudicial reflicte unha suba das denuncias e das mulleres vítimas das violencias machistas. Con respecto ao ano da pandemia, o número de denuncias aumentou en 162 (2,6%) e o de vítimas en 146 (2,4%). A Galiza anotou 6.219 vítimas fronte as 6.073 de 2020, unha cifra que eleva a taxa de mulleres vítimas de violencia de xénero de 43,3 a 44,5 por cada 10.000.

Catro de cada mil mulleres galegas acoden á vía xudicial e denuncian violencia machista. Non son todas as agredidas. A Macroenquisa de violencia contra a muller de 2019 elaborada polo Ministerio de Igualdade apunta que só 22% das vítimas chegan sinalar nos xulgados o seu agresor.

Menos renuncias

Neste sentido, 2021 supuxo unha mudanza con respecto a outros anos. O número de mulleres que decidiron retirar a súa denuncia e paralizar o proceso xudicial contra o seu agresor por medo, por pena ou por unha promesa de cambio minguou un 29%. Das 6.259 denuncias interpostas en 2021, só 471 acabaron en renuncia, fronte as 672 do ano 2020, unha cifra preocupante que fixo medrar o abandono xudicial máis de 80%.

Sentencias

Á caída das denuncias retiradas, en 2021 hai que sumar o incremento das sentenzas ditadas. Os xulgados galegos emitiron o ano pasado 1.559 sentencias -452 máis que en 2020-, das cales 1.207 foron condenatorias, máis de 86% do total, e 352 absolutorias.

O ano pasado o número de sentenzas por violencia de xénero incrementouse 40% e o número de veredictos condenatorios duplicouse a respecto do ano anterior.

As cifras de 2022 aínda non son definitivas. Co ano por acabar, os recontos trimestrais reforzan unha preocupación crecente pola expresión de todas as formas de violencia machista, cuxa resposta nos xulgados amosa continuidade: as denuncias por violencia de xénero creceron 18% no primeiro trimestre do ano e 10% o segundo, período no que tamén caeu o número de mulleres que rexeitaron ir a xuízo tras presentar denuncia, 10%, e aumentou o de sentenzas condenatorias, 84%.

Desde o ano 2015, a Galiza acumula máis de 42.772 denuncias por violencia de xénero, cunha media anual de 6.110. Neste tempo, morreron asasinadas das súas parellas ou ex parellas 24 mulleres. Desde que hai rexistros oficiais, ano 2003, foron asasinadas 65 mulleres no país.