As denuncias por violencia de xénero aumentaron en Galiza 12,3%

Imaxe: GZ Contrainfo

Durante o segundo trimestre deste ano solicitáronse 523 ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas, o que é 9,4 % máis que nese período do ano pasado.

Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre deste ano un total de 1.784 denuncias por violencia de xénero, o que supón un incremento de 12,3 % a respecto do mesmo período do ano anterior (1.589).

 

Os datos estatísticos feitos públicos esta segunda feira polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero tamén reflicten unha diminución en Galiza dos casos de vítimas que se acollen a dispensa para non declarar. Se no terceiro trimestre de 2017 optaron por esta opción 108 mulleres, este ano fixérono 92

.

Galiza, con 10,7 persoas, segue tendo unha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) por baixo da media estatal (17,1). Durante o segundo trimestre do ano solicitáronse 523 ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas, mentres que en 2017 pedíronse 478, o que supón un incremento de 9,4 %. Das 523 incoadas adoptáronse 355, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Observatorio.