As denuncias por violencia machista aumentaron no segundo trimestre e até 84% das sentenzas foron condenatorias

Mobilización en Compostela o pasado 8 de marzo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Entre abril e xuño de 2022 ditáronse o triplo de suspensións do réxime de visitas a menores.

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre deste ano 1.813 denuncias por violencia machista, o que representa 9,9% máis que no mesmo período de 2021, cando se presentaran 1.649. A gran maioría (1.328) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.

Así o vén de notificar o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), con base nos datos estatísticos publicados esta quinta feira polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

No informe sinálase que aumentou tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois nese período contabilizáronse 1.811, fronte ás 1.636 de 2021, o que supón unha suba de 10,7%.

A taxa de violencia de xénero —mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres— na Galiza ficou en 13, a segunda máis baixa do Estado español, cuxa media foi de 18,4, só por detrás da de Castela e León (11,6).

Os distintos órganos xudiciais —xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais— ditaron no segundo trimestre en procesos de violencia de xénero 593 sentenzas, das cales 498 (84%) foron condenatorias.

Máis mulleres declaran

Aliás, na Galiza descenderon 10,2% os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. No segundo trimestre de 2022 optaron por esta opción 97 mulleres, fronte ás 108 que o fixeron no mesmo período de 2021.

Durante ese tres meses solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 486 ordes de protección, 7,4% menos que nas mesmas datas de 2021, cando se demandaron 525. Delas, foron acordadas 344 (71%), fronte ás 348 de 2021. Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 126 ordes de protección, o que supón un aumento interanual de 16,7%.

Menores de idade

Mentres, no segundo trimestre deste ano os xulgados de menores axuizaron catro persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller, mentres que o ano anterior só foi xulgada unha persoa no mesmo período por procesos de violencia de xénero.

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer aos fillos das vítimas, coas modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, constatan que entre abril e xuño os órganos xudiciais galegos adoptaron 39 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, 225% máis que o ano anterior, cando se adoptaron doce.