Xustiza

As denuncias por violencia machista aumentaron 12% na Galiza en 2022

Manifestación polas rúas de Santiago o pasado 8 de marzo. (Foto: Arxina)
As agresión sexuais de menores incrementáronse.

As denuncias por violencia machista na Galiza incrementáronse un 12,3% en 2022 con respecto ao ano pasado, segundo informou esta quinta feira o presidente do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, durante a presentación da memoria da actividade xudicial dos tribunais e xulgados galegos.

"Parece que non está a ser suficiente o esforzo que facemos neste campo. Díxeno moitas veces: necesitamos unha reconsideración social da situación para evitar, dunha parte, esa tremenda porcentaxe da nosa mocidade, próxima ao 20%, que nega a existencia de violencia de xénero; e, doutra parte, que condutas claras de malos tratos, sobre todo emocionais, sexan asumidas como normais por algunhas das mulleres que as sofren a diario", destacou. A Memoria Xudicial 2022 recolle, ademais, un incremento das infraccións penais por parte de menores en delitos de agresión sexual.

Neste sentido, detallou, as Audiencias galegas –órganos que xulgan os casos de maior gravidade– axuizaron o ano pasado dúas persoas á semana por abusos ou agresións sexuais. 65,6% das 93 denunciantes eran menores de idade e, na maioría dos casos, nun 89,2%, tiñan un relación previa cos acusados, os cales case sempre formaban parte do seu círculo familiar. Das 86 persoas xulgadas en 2022 nestes tribunais por delitos contra a liberdade sexual, 63 foron condenadas, o 73,2%.

Machismo estrutural

O presidente do TSXG insistiu na "preocupación" do alto tribunal polo aumento e impacto da violencia machista. "Cada vez hai máis denuncias, existe unha violencia oculta, é necesario unha transformación real", dixo, en referencia ao ámbito educativo, laboral e familiar.

"Hai un machismo cultural e estrutural" que vén de vello e require unha "reconsideración social", máis nun momento en que case unha cuarta parte da poboación menor de 25 anos "nega a existencia de violencia de xénero", recalcou Díaz-Castroverde quen, con todo, atribúe o aumento de denuncias máis a unha maior disposición a denunciar que a un incremento real dos casos de violencia.

A preguntas do colectivo de xornalistas sobre a actuación xudicial no caso do crime de Oia, o presidente do TSXG asegurou que os xuíces "actuaron correctamente". Porén, salientou que cando os procedementos chegan ao ámbito xudicial o dano irreparábel ás vítimas xa está inflixido, polo que a sociedade non se pode conformar "con que a única solución sexa a resposta xudicial". Neste ámbito, advertiu, a protección das persoas máis vulnerables esixe "rapidez na tramitación dos procedementos", algo que require que o Instituto de Medicina Legal da Galiza (Imelga) axilice a expedición dos informes que solicitan os órganos xudiciais. Neste sentido, instou a Xunta da Galiza a afrontar "con rigor" o "aumento do seu persoal", en liña coa reclamación dos equipos psicosociais do Imelga, críticos coa contratación de profesionais externos.

Novos xulgados

En 2022, os xulgados e tribunais galegos rexistraron 333.085 novos casos, un 2,9% máis que en 2021, dos que se resolveron 320.744. A folga de letrados, precisou Díaz-Castroverde, obrigou a suspender 18.000 asuntos. O ano pasado puxéronse en marcha tres unidades xudiciais na Galiza, insuficientes para "avanzar" na actividade xudicial e nos asuntos pendentes.