A presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero asegura que denunciar no rural é "un acto heroico"

Ángeles Carmona (Foto: UPO).
A MArcha Mundial das Mulleres da a coñecer o manifesto que defenderá con motivo do 8-M: 'Servizos públicos para mellorar a vida das mulleres'.

A presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Ángeles Carmona, alertou onte dos casos de violencia de xénero no rural e as dificultades para denunciar por parte das vítimas. Fíxoo no transcurso dunha xornada organizada en Compostela polo Consello da Cultura Galega na que instou a non dar "pasos atrás" nesta materia.

Neste encontro sobre os avances e os retos lexislativos contra a violencia machista asegurou que 75% dos asasinatos de mulleres rexistrados no Estado español, considerados como violencia de xénero, producíronse "en poboacións inferiores aos 100.000 habitantes", polo se referiu á "ruralidade" como un factor de vulnerabilidade.

"Todos os asasinatos son fallos do sistema", engadiu Carmona, para quen a formación especializada é "crucial". Ao mesmo tempo, pediu non dar "pasos atrás" e avanzar para que o trato ás mulleres nos xulgados sexa "homoxéneo", sen diferenzas entre territorios, e "o máis correcto posíbel". 

Dificultades para denunciar

No caso do rural indicou que se está traballar nun enfoque de comarcalización por parte dos xulgados competentes na materia para e para atender as denuncias de violencias machistas.

Polo que se refire a Galiza, a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero salientou que desde 2003 foron asasinadas 67 mulleres. "En 2022 ningunha en parella e este ano unha", dixo en referencia ao último caso rexistrado en Baiona.

Carmona destacou o incremento das denuncias en 2022, case un 7% máis en relación ao ano anterior. "Isto non quere dicir que a violencia subise senón que se denuncia máis", precisou. En canto ás mulleres que renuncian a denunciar, reduciuse un 41%. "Un dato moi positivo", engadiu.
Sobre a dificultade para denunciar nos lugares máis pequenos, asegurou que se dá tanto na Galiza como no resto do Estado. "En moitas ocasións é un acto heroico", recoñeceu.

Servizos públicos

A falta dunha semana para o 8-M a Marcha Mundial das Mulleres deu a coñecer onte o manifesto que defenderá nas rúas de todo o país: 'Servizos públicos para mellorar a vida das mulleres'. Un texto que remarca "o desmantelamento fronte ao lucro do grande capital" en materia de sanidade, rendas, educación, emprego ou sexualidade. "Queremos unha vida sen violencia".