Denuncian á Xunta perante a Unión Europea pola degradación dos espazos naturais protexidos

Braña de Fabas

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) solicitou que a Comisión Europea abra un proceso de infracción da lexislación comunitaria contra o Estado Español e a Comunidade Autónoma de Galicia Xunta de Galiza pola desprotección, desleixo e agresións na Rede Natura 2000.

A Sociedade Galega de Historia Natural vén de solicitar á Unión Europea que tome cartas ante a “degradación” grave e continuada que están a sufrir espazos naturais protexidos de Galiza sen que as administracións e poderes encargados de protexelas asuman as súas responsabilidades.

Membros da SGHN, segundo informa esta entidade, desenvolveron nestes meses un traballo de campo no que comprobaron sobre o terreo “e coa axuda de fotografías aéreas “os cambios que experimentaron dende o ano 2011 ata a actualidade diversas áreas xa declaradas LICS ou incluídas na proposta de Ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia. Lembran desde a Sociedade que a lei do Patrimonio Natural e Biodiversidade “obriga aos poderes públicos a establecer as medidas de xestión necesarias para conservar os hábitats de interese comunitario, sexan ou non prioritarios, mesmo fóra do ámbito territorial delimitado pola Rede Natura 2000”

“Neglixencia e incompetencia”

Mais durante ese traballo, a SGHN constatou “en todos os novos LIC, así como en todas as áreas de ampliación da Rede Natura 2000, unha perda significativa daqueles tipos de hábitats que xustificaban tecnicamente a súa inclusión na proposta presentada pola Xunta de Galicia para ser avaliada pola Comisión Europea”. As perdas máis dramáticas, afirman, rexístranse nas provincias de A Coruña e Lugo onde, “por falta de vixilancia, neglixencia ou incompetencia, produciuse unha xeneralizada destrución e degradación dos hábitats de interese comunitario”.