Privatizacións

Sinalan a empresa Galaria como porta xiratoria da ex conselleira de Sanidade

Sergas

A CIG Saúde denuncia que a empresa Galaria continúa a xestionar diversos servizos sanitarios na área de Vigo para manter un retiro dourado á ex conselleira Rocío Mosquera, xa que esta decisión vai en contra do acordo de integrar todos os servizos baixo a mesma xerencia.

Un novo desmantelamento da sanidade pública vén de ser denunciado pola CIG Saúde, neste caso a raíz da implantación das Estruturas de Xestión Integrada (EOXI). A Xunta de Galiza púxoas en marcha en todas as áreas sanitarias co obxectivo de coordinar e integrar todos os servizos baixo a dirección e control dunha mesma xerencia. Pretendíase así potenciar a e o doente como o eixe central do sistema sanitario.

Dese a central sindical nacionalista denuncian que baixo o pretexto das EOXI estase a desmantelar as xerencias de primaria e que a súa implantación implicou a modificación da Lei de Saúde para eliminar as áreas sanitarias, mentres manteñen que empresas como Galaria sigan a xestionar servizos da área de Vigo.

Esta empresa xestiona, segundo indica a CIG, a unidade de oncoloxía e radioterapia, a unidade de medicina nuclear ou a unidade de radiofármacos de Galiza, “dificultando así que na área de Vigo se produza unha integración real de todos os servizos que teñen que ver co tratamento oncolóxico”, sinalan no sindicato.

A CIG-Saúde esixiu na mesa sectorial da semana pasada a integración total da resonancia magnética e do seu cadro de persoal na Xerencia de Vigo, a integración das unidades móbiles de resonancia magnética nas súas áreas sanitarias correspondentes e a integración de todos os servizos asistenciais que xestiona Galaria na EOXI de Vigo “para que realmente haxa unha integración real dos servizos que permita o seu desenvolvemento en función das necesidades das e dos doentes desta área”, afirmou a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Fronte a proposta do sindicato, está a que fai a Consellaría de Sanidade, que segundo denuncian “nin sequera ten en conta as necesidades de profesionais para dar servizo ás resonancias magnéticas fixas, que son as únicas que se integran, quedando a EOXI de Vigo cun déficit de 7 especialistas en radiodiagnóstico, mentres que deixa en Galaria 6 sen integrar”.

Abuín afirma que “non se pode priorizar manter o postos de designación política por riba do normal funcionamento dos servizos nun sistema sanitario público”

Neste sentido, Abuín sinala que non hai outra xustificación para que Galaria siga a xestionar servizos sanitarios que “garantir un posto para a anterior conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera”, xa que, segundo indica a líder sindical, a decisión en torno a Galaria vai incluso en contra da normativa publicada polo propio goberno da Xunta de Galiza no relativo á creación das EOXIS ou a modificación da Lei de Saúde de Galiza.

Abuín engadiu que “non se pode priorizar manter o postos de designación política por riba do normal funcionamento dos servizos nun sistema sanitario público” e urxiu á integración da totalidade dos servizos sanitarios na EOXI de Vigo ou nas áreas sanitarias que correspondan.