Desoen a lei ambiental e o Convenio de Aarhus

Denuncian que a Xunta impide a participación na xestión da caza

O Parlamento pediu que a Xunta non apoiase os campionatos de caza de raposos en 2014. (Foto: Europa Press)
As organizacións ecoloxistas Petón do Lobo, Cova Creva e Ecoloxistas en Acción denunciaron na xornada de onte que a Xunta da Galiza está a autorizar campionatos de caza e batidas no monte omitindo a participación pública na toma de decisións con respecto aos recursos cinexéticos. As entidades remiten á Lei de Caza da Galiza (Lei 13/2013), segundo a cal o acordo sobre estas actividades lle corresponde a todas as entidades administradas e non só ao "lobby" da caza.

As asociacións sinalan, en nota de prensa, que a Xunta designa "a dedo" a representación das entidades de carácter naturalista e ecoloxista no seo do Comité Galego de Caza, “no canto de deixar que estas elixan as súas representacións tal e como indica a lei”.

Desta forma, as organizacións instan a Xunta a que “poña fin á reiterada falla de transparencia na política de caza” e tamén reclaman a avaliación ambiental e mais a participación pública para as aprobacións dos Plans de caza, tanto para os de carácter anual, de aproveitamentos cinexéticos, como para os referidos á ordenación da caza.

Ecoloxistas en Acción, Petón do Lobo e Cova Creva declaran que “é moi difícil conseguir as actas dos distintos comités, acceder aos diferentes plans de xestión das especies e aos calendarios dos campionatos de caza”.

Así mesmo, sinalan que hai plans de xestión que non están actualizados e tamén outros, como é o caso do do porco bravo, que “pese a elaborarse non se chegaron a publicar no boletín oficial correspondente”, polo que as entidades acusan un descoñecemento xeral, tanto dos censos de especies cinexéticas como da xestión proxectada desde a Xunta.

Segundo estes colectivos ecoloxistas, hai determinados procedementos que necesitan da autorización do órgano administrativo de caza e dos que nunca se chega a coñecer o seu verdadeiro alcance ambiental, pese as implicacións que estas autorizacións teñen sobre o medio e sobre os recursos cinexéticos.

As ecoloxistas pon como exemplo que non existe publicidade sobre as autorizacións de cazarías que se realizan baixo as modalidades de batida, montaría, espera e axexo e “non existe tampouco publicidade sobre os resultados cinexéticos de ditas cazarías”.

"Existe", engaden, "unha falta total de información en canto ás soltas de especies cinexéticas, e a orixe ou destino das mesmas". "Feito que pon en perigo a identidade xenética das especies na Galiza", recalcan. 

Segundo denuncian, no noso país a planificación cinexética non conta coa preceptiva avaliación ambiental dos impactos da actividade sobre os ecosistemas e sobre as familias que viven no rural. Deste modo, a opacidade que rodea todos estes instrumentos de planificación cinexética incomoda a cidadanía que habita o rural ou que quere facer uso do monte no seu tempo de lecer. 

Segundo informan, a Xunta “viola a Lei 21/2013 e o Convenio de Aarhus", asinado polo Estado español en 1998, "ao omitir a participación do público na toma de decisións cinexéticas”.

A lei de avaliación ambiental parte da experiencia acumulada nos 25 anos de aplicación no Estado español. “Durante este tempo, a consideración dos impactos ambientais dos proxectos, primeiro, e dos plans e programas, despois, revelouse como unha ferramenta útil para asegurar a sustentabilidade do desenvolvemento económico”.