Denuncian a vulneración de dereitos dun paciente psiquiátrico que leva 6 días con contención mecánica

Complexo Hospitaliario Universitario da Coruña. (Foto: Europa Press)
O MGSM lamenta que "seis días despois" teñen constancia de que a persoa segue na mesma situación de contención mecánica, que non abandonou en ningún momento, e que ten que "ser auxiliado para a súa alimentación e coidados básicos".

O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciou nun comunicado un novo caso de vulneración de dereitos sanitarios durante "seis días" a un paciente psiquiátrico que foi atendido o pasado 22 de marzo no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Segundo explica a plataforma, esta persoa acudiu ese 22 de marzo ao Servizo de Urxencias, derivado de clínica psiquiátrica. Despois dunha observación preliminar decidiuse que fose trasladado á Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP), mais a "falta de camas libres na unidade especializada" provocou que tivese que "permanecer máis de 30 horas en dito servizo (de Urxencias)".

O comunicado prosegue, e detalla que durante esas 30 horas a persoa estivo en réxime de contención mecánica, é dicir, privado de movementos. 

Finalmente, o paciente non foi trasladado á UHP, senón que foi derivado a "unha unidade allea á indicación facultativa" que se elaborara na súa entrada no Servizo de Urxencias.

Prosegue a situación

O MGSM lamenta que "seis días despois" teñen constancia de que a persoa segue na mesma situación de contención mecánica, que non abandonou en ningún momento, e que ten que "ser auxiliado para a súa alimentación e coidados básicos".

A plataforma denuncia tamén que non é a primeira vez que se producen este tipo de situacións, e sinala a Xunta pola "falta de vontade política para asegurar unha atención sanitaria respectuosa cos dereitos humanos das persoas con discapacidade".

Pola súa parte, a xerencia do Chuac non nega os feitos, pero matiza que os profesionais sanitarios do complexo hospitalario atenden os pacientes "co máximo rigor científico e técnico e sempre de forma individualizada".