Denuncian a volta das “sondaxes mineiras ilegais” dunha empresa sueca en Braña da Serra, Santa Comba

Fervenza no río Mira, afluente do Xallas, na parroquia de Castriz.

‘Petón do Lobo’ afirma que estas actividades “carecen das autorizacións necesarias” e que se están a realizar “sen plan de restauración ou estudo de impacto ambiental”.

A asociación Petón do Lobo e colectivos veciñais denunciaban en outono do ano pasado “ sondaxes ilegais” a cargo dunha compañía mineira sueca, Eurobattery Minerals, na parroquia de Castriz, no Xallas; para obter niquel, cobre e cobalto con fins comerciais. Unha protesta e mobilización que levou á que se parasen esas prospeccións.

Mais agora, meses despois, e segundo denuncia ‘Petón do lobo’, as sondaxes volven, na mesma zona e pola mesma empresa, afirman.  “Hoxe mesmo (terza feira, 15 de xuño) o a mesma empresa anunciou aos seus inversores da bolsa de Estocolmo que retomaría as sondaxes neste mesmo mes de xuño, coa pretensión de realizar máis un quilómetro de prospeccións”, di o colectivo nun comunicado .

“A empresa, a través da súa filial Corcel Minerals SL e da empresa de sondeos Geonor Servicios Técnicos SL, volve áa carga nun espazo de altísimo valor ecolóxico, a coñecida como Braña da Serra, situada entre os lugares do Sisto, Os Matos e Boaña, na parroquia de Castriz (Santa Comba), e As Salgueiras, xa no concello de Coristanco”.

O ano pasado varias entidades, apoiadas cos datos de biólogos das universidades de Santiago e da Coruña, solicitaron que se iniciase o expediente de protección ambiental para catalogar a zona como ENIL (espazo natural de interés local) ou EPIN (espazo privado de interés natural).

Xa cursaron denuncias urxentes “para a paralización inmediata desta nova campaña ilegal de sondaxes, antes de que poidan causar máis prexuizos de difícil reparación”

Petón do Lobo prosegue: “A empresa sueca chegou a manifestar o ano pasado que xa contaba cos permisos necesarios para comezar un proxecto de explotación de cobre, niquel e cobarlto a ceo aberto de grandes dimensións de inmediato, aínda que se acabou por descubrir que nin era titular dos dereitos mineiros nin contaba coas autorizacións para facer sondeos, nin da propia Xunta nin dos concellos afectados”.

Anuncia tamén que xa cursaron denuncias urxentes “para a paralización inmediata desta nova campaña ilegal de sondaxes, antes de que poidan causar máis prexuizos de difícil reparación”.

Níquel, cobre e cobalto para baterías eléctricas 

A empresa sueca anunciou en maio de 2020 o descubrimento na Galiza dun gran xacemento de sulfuro de níquel para fabricar as baterías que levarán os coches eléctricos. Após das primeiras mostras de rocha analizadas pola compañía australiana ALS Global1, a mineira sueca confirmou unha proporción de minerais económicos de sulfuro de níquel no terreo "alta", que convertía a parroquia de Castriz, dixo, nun lugar apto para a minaría a granel a ceo aberto e a baixo custo.

Eurobattery Minerals pretendía estabelecer na Galiza a primeira gran mina dedicada a minerais de batería no marco do proxecto Corcel, que prevé estender a outras parroquias de Santa Comba e Coristanco. Outra iniciativa de megaminaría a ceo aberta que ameaza con liquidar o patrimonio natural máis os recursos próximos a varios núcleos de poboación