Denuncian o veto ás mulleres na Romaría da Saleta

A organización da festa pon como condición que non sexan mulleres as que integren o grupo de música tradicional que visan contratar para a romaría.

 

O feito foi denunciado através das redes sociais polo grupo musical HabELAS Hainas e axiña fixo ferver Facebook e Twitter. A organización da Romaría da Saleta, no lugar de Astureses, Concello de Borborás, puxo como condición para contratar un grupo de música que este non estiver integrado por mulleres por non o consideraren "tradicional". 

Unha decisión que foi considerada desde HabELAS Hainas como un "acto retrógrado, aberrante, misóxino e discriminatorio", contrario ao "dereito fundamental da igualdade entre as persoas". Neste senso, convocaron unha "maniFESTAción" perante o Museo do Pobo Galego. 

Unha concentración ás portas do Museo do Pobo Galego denunciou con música este acto "misóxino"

Desde o grupo chamaron a se sumar ao protesto con instrumentos varios para defender que a música "trascende universos, buracos negros, abismos, fronteiras" e "galaxias" para alén, salientan, de trascender á "idea mesma do xénero como etiqueta difusa e deconstruíbel". 

A Marcha Mundial denuncia o "machismo camuflado no tradicionalismo"

A esta denuncia sumáronse tamén desde a Marcha Mundial das Mulleres en Ourense. Para a organización feminista a condición imposta pola organización da Romaría da Saleta reflicte "o machismo camuflado", desta volta, "no tradicionalismo". Desde a Marcha lembran que "ao longo da historia da Galiza" as mulleres "teñen protagonizado a creación, difusión e conservación da nosa mellor tradición musical e que hoxe seguen a protagonizar unha tradición en constante transformación". 

O colectivo feminista lembra a célebre frase atribuída a Emma Goldman, na que dicía "se non podo bailar, esta non é a miña revolución".