Vigo

Denuncian verteduras "non autorizadas" ao río Eifonso polos labores de perforación para o futuro túnel da A-52

Verteduras ao río Eifonso denunciadas por estes tres colectivos. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
Colectivos ecoloxistas e veciñais instan o Concello de Vigo e Augas da Galiza a paralizar as obras da autovía "até garantir que non se producirán máis verteduras", e piden sancionar a empresa responsábel.

Os colectivos Ecoloxistas en Acción, Bembrive en Pé e Non ao Vial de Beade veñen de presentar unha denuncia perante Augas da Galiza e o Concello de Vigo por mor das "continuas verteduras non autorizadas" ao río Eifonso, que desemboca no Lagares.

Isto, aseguran, é consecuencia das perforacións realizadas no lugar de Palames, perto do muíño do Cristino, como parte dos "labores de asistencia e consultoría contratados á empresa Ayesa para a construción dun túnel de máis de tres quilómetros como variante do treito da nova autovía A-52".

Estas tres entidades instan ambas as administracións a paralizar os traballos de sondaxe "até garantir que non se van producir máis verteduras", ao tempo que pediron que se sancione á empresa "por esta agresión ao medio ambiente".

"As obras do túnel suporán un grande impacto ambiental na nosa parroquia. Xa vemos como nada máis comezar están a contaminar as augas", lamentan desde a plataforma veciñal Bembrive en Pé.

A A-52 sería paralela ao trazado da AP-9, advirten

Subliñan, aliás, o "despilfarro de varios centos de millóns de euros" que implica a construción do túnel, "cando o trazado da AP-9 vai paralelo á nova A-52".

Así, desde Ecoloxistas en Acción poñen o foco en que, no caso de se liberar as portaxes neste treito, tornaría na saída principal de Vigo cara Madrid.

"E esta liberación xa foi aprobada hai anos en comisión parlamentaria cos votos a favor de, entre outros, os dous partidos que conforman o Goberno español", lembran.