A veciñanza denuncia os verquidos de lixo nos montes da Galiza

Refugallos de todo tipo nun monte de Ferrol. (Foto: Nós Diario)
A cidadanía, que destaca particularmente a situación da contorna de Ferrol, insta ao resto dos galegos e galegas a denunciar este uso dos espazos naturais como vertedoiros.
Un grupo de veciñas e veciños de Ferrol veñen de denunciar o verquido indiscriminado de todo tipo de materias nos montes da comarca. Nalgúns dos últimos paseos descubriron desde cascallos até colchóns nun espazo natural.
 
O voceiro entende que é  "unha situación cotiá que está a acontecer día tras día na nosa contorna rural". No caso concreto de Ferroltera, alertaron ás autoridades locais sen que estas atenderan a reclamación.

Mesmo teñen quedado ciscadas ao pé das árbores "pranchas de tellados que conteñen amianto" e que poder danar a zona. O máis preocupante é que están ao alcance da man de calquera que as colla sen protección para aproveitalas.

Critican que esta sexa unha situación "por desgraza moi habitual no noso país", porque o lixo non aparece só nunha zona. En calquera monte ou lugar un pouco apartado de calquera localidade pódense atopar refugallos abandonados sen ningún tipo de control.

Por iso, instan ao resto das galegas e galegos a que "denuncien situacións similares".

Entenden que, desta maneira, se exercerá "presión" sobre as autoridades para que atendan á limpeza e vixien e multes estes comportamentos incívicos.