Denuncian varios vertedoiros ilegais na cidade de Ourense

(Foto: AdT)
Amigos da Terra e Amigas das árbores presentaron denuncias sobre a presenza destes vertedoiros en zonas como as proximidades do CHOU ou o Parque da Desidia.

Amigos da Terra e Amigas das árbores informan da presentación de varias denuncias diante da Consellaría de Medio Ambiente, Confederación  Hidrográfica Miño-Sil, Policía Local de Ourense e Policía nacional adscrita á Xunta­­  por uns vertedoiros incontrolados de lixo e refugallos de restos de obra no denominado *“Parque da Desidia”, localizado en pleno casco urbano da cidade de Ourense, e nas proximidades do complexo  hospitalario da cidade.

Na devandita zona hai todo tipo de residuos ocupando máis de 500  metros cadrados da mesma, segundo estes colectivos, con acumulación incontrolada de grandes cantidades de cascallos procedentes de obras, plásticos, illantes con  posíbeis restos de amianto, restos metálicos de todo tipo, asfaltos,  alquitrán… "que son altamente contaminantes tanto dos solos como das  augas, coa conseguinte contaminación polos lixiviados que poidan estar  afectando tamén o Regueiro Fozado que pasa polos arredores da zona".

Todos estes cascallos, refugallos e residuos teñen que ser xestionados  de maneira axeitada, e nunca poden ser botados en espazos abertos sen  o tratamento preciso por empresa autorizada como xestora de residuos, indican.

Todos estes cascallos, refugallos e residuos teñen que ser xestionados  de maneira axeitada, e nunca poden ser botados en espazos abertos sen  o tratamento preciso por empresa autorizada como xestora de residuos, indican
 

Dáse a agravante engadida, prosiguen ambas as dúas entidades, de que o devandito vertedoiro atopase  próximo ao complexo hospitalario da cidade de Ourense e deben evitarse os efectos negativos para a saúde pública e o medio ambiente. “O Parque da Desidia de Ourense xa se aventuraba para acoller estes  vertedoiros, e o Concello de Ourense amosa unha vez mais a súa  irresponsabilidade pola falta de vixilancia, desleixo, pasividade e  desidia ao permitir ditos vertedoiros.” declaran dende Amigos da Terra.

"Así a Lei 6/2021 do 17 de febreiro de Residuos da Galiza, recolle que  as entidades locais terán competencias para a xestión dos residuos  urbanos correspondentes ao seu municipio. Os municipios son os responsábeis da retirada dos residuos así como tamén, do mantemento do aseo e o coidado  da localidade, é dicir, deben procurar polo benestar social. As entidades locais teñen un papel importante fronte á  xeración e permanencia de vertedoiros ilegais, a vixilancia de sitios  con potencial de converterse en vertedoiros clandestinos ou  microvertedoiros e a denuncia de verteduras ilegais".

Dende Amigos da Terra e Amigas das árbores demandan ás autoridades competentes que se identifique e sancione aos responsábeis das verteduras e que os devanditos vertedoiros sexan retirados, devolvendo  ao seu estado orixinal a zona contaminada.