Denuncian ante a valedora do Pobo "abandono e degradación" do xacemento prehistórico da Roda, en Barreiros

Xacemento arqueolóxico da Roda. (Foto: Adega)
"O incumprimento de custodiar e conservar o xacemento arqueolóxico da Roda é inaceptábel", censuran desde Adega e Mariña Patrimonio.

A asociación ecoloxista Adega e o colectivo Mariña Patrimonio veñen de denunciar diante da valedora do Pobo o "abandono e degradación" do xacemento prehistrócio arqueolóxico da Roda, no municipio de Barreiros (A Mariña).

Ambas as entidades urxen as administracións a facer unha acción inmediata deste ben patrimonial situado na parroquia de Santiago de Reinante, cuxas estruturas arqueolóxicas están "gravemente degradadas", con vexetación en zonas como o foso, así como o desprendemento de pedras.

Neste xacemento realizouse en 2006 unha intervención debido á construción da autovía A-8, que pasaba por riba deste espazo, o que supuxo mudar o trazado. Os resultados revelaron que o sitio, inicialmente considerado un castro, era posibelmente un recinto prehistórico anterior á época 'castrexa', datado arredor da Idade do Bronce Medio.

"O incumprimento de custodiar e conservar o xacemento arqueolóxico da Roda é inaceptábel, tendo en conta que a lexislación sobre o patrimonio cultural obriga os propietarios dos xacementos a velar pola súa conservación", afirman. Lembran que xa presentaron en decembro de 2022 unha denuncia ante Patrimonio contra o Ministerio de Transportes como titular dos terreos.

A pesar de ser un xacemento escavado, Adega e Mariña Patrimonio lamentan que "carece dun plan de mantemento e conservación que protexa as súas estruturas arqueolóxicas dos fenómenos ambientais nin dos factores biolóxicos".