Denuncian o "uso propagandístico" das crianzas das escolas infantís

Fabiola García, conselleira de Política Social, de visita nunha escola infantil da Rede Galiña Azul, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza).
O sindicato CIG-Administración volve sinalar a Consellaría de Política Social, que xa no Nadal de 2019 empregou a rede de escolas infantís da Xunta para enviar ás familias unha carta de Feixoo coa escusa dun agasallo.

A CIG-Administración Autonómica denuncia que a consellaría de Política Social está a facer un uso propagandístico das crianzas das escolas infantís do Consorcio e máis da Consellaría enviando a fotógrafos profesionais -previa autorización das familias- a facer fotos de cada unha das cativas matriculadas en todos os centros do país. "Así agradece o esforzo das traballadoras e traballadores, nenas e nenos e familias: cunha nova sobrecarga de traballo e sen material nas escolas", di nun comunicado.

"Non temos para pan... e gastamos en estampiñas"

A CIG-Administración Autonómica denuncia que é un traballo feito sen ter consideración polas necesidades das meniñas e meniños e interrompendo o seu ritmo diario, o que "está provocando un estrés engadido, neste ano tan difícil que vivimos nos centros por mor da pandemia e dos estritos protocolos".

O obxecto das fotos, segundo a Consellaría de Política Social, é agasallar as familias cunha fotografía para rematar este ano difícil. Entrementres, os centros de traballo non contan cos materiais necesarios -xoguetes, contos- nin cos estándares de calidade pedagóxica actualizada, argumenta o sindicato. "Non temos para pan... e gastamos en estampiñas", remarca.

"Teñen eivas graves nas instalacións, non se lles subministran máscaras FFP2 ao persoal como indicou a Inspección de Traballo tras as denuncias da CIG. Porén a Consellaría aposta por facer campaña publicitaria en lugar de solucionar estes problemas", incide.

O persoal explica, ademais, que nas escolas infantís públicas, "desde sempre, xa se fan fotos e vídeos das crianzas para amosarlles ás familias a vida diaria nos centros. Este curso faise con redobrados esforzos xa que os centros, que son de portas abertas, este ano teñen restrinxido o acceso".

Incumprimento dos protocolos

A CIG-Administración Autonómica denuncia, tamén, que mentres nos centros se seguen protocolos estritos para manter as burbullas e protexer as crianzas dos contaxios, os fotógrafos pasan a tomar imaxes dos nenos e nenas "percorrendo centros e espazos diferentes".

Ademais, temen que ocorra como en Nadal de 2019 no que o persoal recibiu indicacións para que as traballadoras e traballadores metesen en sobres as  fotos, facendo así do persoal "un axente de propaganda”.

A CIG manifesta o seu rexeitamento contra estas prácticas impresentables mais tamén contra a utilización do diñeiro público para intereses partidistas.