Denuncian o uso de maquinaria pesada sobre a zona protexida da Roda de Barreiros, na Mariña

Rodeiras no xacemento. (Foto: Adega e Mariña Patrimonio)
"A maquinaria pesada deixou marcas a menos de tres metros da entrada do recinto, a menos dun metro dunha das catas abertas no foxo e a escasos dous metros do muro do parapeto na zona sur da Roda", denuncian Adega e Mariña Patrimonio.

O xacemento arqueolóxico da Roda de Barreiros (GA27005006), situado en Santiago de Reinante, no concello de Barreiros (A Mariña), atópase nun estado de abandono que compromete a súa conservación, denuncian Adega e Mariña Patrimonio.

Recentemente, membros de ambas dúas asociacións, observaron rodeiras de maquinaria pesada na zona arqueolóxica e na súa contorna de protección, “evidenciando o seu uso como plataforma de acopio de madeira. Esta intervención implicou a circulación intensiva de vehículos pesados, agravando o impacto sobre este sitio arqueolóxico”.

Escavado en 2006 durante a construción da Autovía do Cantábrico (A-8), este xacemento prehistórico do Bronce Medio “leva case dúas décadas sen medidas adecuadas de protección nin mantemento”.

A retirada da capa do solo durante a escavación deixou expostos os estratos arqueolóxicos que, ao careceren de protección fronte aos axentes ambientais e ás intervencións humanas, aceleran a súa deterioración. A recente actividade con maquinaria pesada intensificou a afectación do xacemento, deixando pegadas a escasos metros das súas estruturas arqueolóxicas e comprometendo a súa integridade.

Adega e Mariña Patrimonio levan anos denunciando o abandono deste xacemento ante as administracións competentes. En 2013 e 2022 presentaron denuncias perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural contra o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, responsábel do abandono e degradación do xacemento, tras as escavacións realizadas en 2006.

“Os últimos feitos confirman que a protección deste patrimonio segue sen garantías. A maquinaria pesada deixou marcas a menos de tres metros da entrada do recinto, a menos dun metro dunha das catas abertas no foxo e a escasos dous metros do muro do parapeto na zona sur da Roda. Ademais, a 25 metros da estrutura principal, a intervención con maquinaria provocou un importante movemento de terras e o arrincado de piñeiros de raíz, afectando o subsolo da zona protexida”.

“A conservación do patrimonio arqueolóxico é unha responsabilidade das administracións públicas. É inaceptábel que un ben de tal valor histórico leve case dúas décadas deteriorándose sen que se adopten medidas efectivas para a súa preservación”, indican.