Denuncian que o PP recortou o orzamento sanitario de Galiza nun 23% desde 2010

A Coordenadora anti-privatización da sanidade pública alerta do constante aumento das listas de espera.

A 'maré branca' convocou unha concentración este domingo en Coruña para denunciar “o estrago da sanidade pública” que en Galiza e o Estado español está a ter lugar baixos os gobernos do Partido Popular. A Coordenadora anti-privatización da sanidade pública bota man das estatísticas fornecidas polo Consello Económico e Social para afirmar que desde o ano 2010 os recortes reduciron en máis dun 23 por cento o orzamento sanitario de Galiza. Esta porcentaxe está por riba da redución media do orzamento sanitario no Estado nese mesmo período.

Ademais, denuncian que as listas de agarda diagnósticas pasaron de 69.000 persoas en setembro de 2014 a ser agora, case dous anos despois, de 85.670, o que supón un incremento de perto de 17.000 doentes.

A isto engaden as denuncias sobre recortes en medio e persoal que sofre a sanidade galega, facendo especial fincapé na clausura de camas que durante o verán ordena o Sergas nos complexos sanitarios de Galiza. Tamén denuncian que se derivan doentes da pública cara á privada.