Denuncian a situación "insostíbel" da Atención Primara na área sanitaria de Vigo

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).
A CIG Saúde de Vigo asegura que as condicións asistenciais empeoraron coa pandemia. Agora, coincidindo coa vaga estival da Covid e o dereito a vacacións do persoal, a situación virou indefendíbel.

Centros co cadro de persoal sanitario a 50% por mor de vacacións, baixas ou outros permisos, listas de espera que superan os 15 dias e mesmo chegan ao mes, persoal administrativo desbordado polo aumento da carga administrativa derivada de tramites da Chave 365 ou relacionadas coa COVID e a vacinación, aumento de situacións de violencia ou agresións, axendas médicas que superan as 60 persoas e que alcanzan os 80 doentes no caso dalgúns profesionais, xornadas que se prolongan mais de dúas horas desde o remate do horario...

É o día a día da Atención Primaria na área sanitaria de Vigo segundo denuncia o sindicato CIG-Saúde nun comunicado dirixido aos medios de comunicación.

Vigo e Baixo Miño

"A todo isto hai que sumarlle a situación coa que nos atopamos esta terza feira, 3 de agosto, no centro de saúde de Oia e Pazos de Borbén sen persoal facultativo" ao que acudir e coa asistencia urxente derivada á Guarda e a Fornelos ou a Redondela respectivamente, mesmo ao 061.

"Esta situación é posíbel que se volte repetir nos vindeiros días", co agravante, incide a organización sindical de que tanto o centro de saúde da Guarda como o de Redondela están "minguados de persoal e con listas de agarda que superan os 15 días, mentres que o de fornelos só conta cun único facultativo".

O Rosal

A situación no centro de saúde do Rosal "non é moito mellor". O 2 de agosto unha soa médica quedou á fronte dun centro de saúde que conta con tres cotas diferenciadas e que levan atendendo ate 80 doentes diarios desde a semana pasada.

Unha circunstancia, censuran, da que non foron informados como representantes do colectivo de traballadores e traballadoras, e que o propio persoal descobre "dun día para outro".

Saúde e condicións laborais

Esta sobrecarga "brutal" está a afectar á saúde das traballadoras, afirma a CIG-Saúde. "O traballo nos centros de saúde e no hospital foise sustentando durante toda a pandemia grazas á entrega das profesionais, que fomos vendo como se vían diminuídos aínda máis os nosos dereitos, vendo condicionados os nosos permisos e vacacións, incluso os ligados a conciliación familiar".

Porén, a situación non é nova, din. "Vén derivada das políticas de recortes na Atención Primaria que motivou a fuga de persoal sanitario a outras comunidades e outros países".

Por iso, piden mudar as políticas sanitarias “dotando de medios e persoal estábel os centro de traballo e investindo na Atención Primaria”, primeiro acceso da poboación ao sistema sanitario.

Cómpren recursos e tempo suficientes para "poder dar a atención digna que queremos para os nosos doentes, dotar as Xerencias de Atención Primaria de recursos propios para xestionar as necesidades de cada centro", conclúe a CIG-Saúde.