Denuncian a situación “caótica” nas urxencias do HULA

Esta terza feira hai 20 pacientes agardando por unha cama neste servizo mentres hai 102 camas sen usar, denuncia a CIG.

“Colapso en Urxencias do HULA (o hospital de Lugo) pola falta de camas”. Denúnciao a CIG, que sinala que esta situación estase a vivir desde varios días mais esta terza feira a situación empeorou. “Hoxe hai 20 doentes nas urxencias agardando por unha cama no Hula, con 102 camas pechadas!”, critica o sindicato nacionalista.

A central di que desde Xerencia dinlles neste tipo de situacións que se estas camas fosen precisas poderíanse usar mais, indica o sindicato, “iso é falso”.

Ademais, a situación agrávese porque os reforzos “son escasos e precarios”.

Na Galiza temos poucas camas hospitalarias —apenas 3 por cada mil habitantes— se nos comparamos co promedio da UE —por volta de 5— ou se temos en mente as recomendacións da OMS —entre 8 e 10. Mais a situación aínda é peor no verán. Por volta de 1.000 prazas hospitalarias vense desmanteladas no período vacacional que vai de xuño a setembro. A Xunta di que ten todo baixo control e que a calidade asistencial está garantida. Os sindicatos e a Plataforma SOS Sanidade Pública ven no encerramento de camas unha deficiente planificación dos recursos por parte da Consellaría e as secuelas dunha década longa de recortes.