Denuncian anuncios sexistas e ofertas de traballo a cambio de sexo

Senllas denuncias sacan á luz o uso dos roles de xénero con motivo do día da nai ou o machismo feito anuncio através dunha web para buscar traballo.

A concelleira de Igualdade de Sanxenxo, Sandra Fernández (BNG) denunciou perante a Garda Civil e a Secretaría Xeral de Igualdade un anuncio publicado nunha web de ofertas de emprego (milanuncios.com) na que procuraban "camareiras de barra". O "perfil" que solicitaban era unha muller "guapa, simpática, traballadora, con don de xentes, bon peito e mínima experiencia"

O suposto dono do bar exixía unha entrevista previa vía Skype en roupa interior

Porén, para alén do sexismo da oferta, algunha das persoas que contactaron para coñecer os detalles do posto de traballo, entre elas unha familiar da concelleira nacionalista, descubriron que o suposto dono do bar exixía ter unha entrevista previa através da ferramenta dixital Skype e "en roupa interior". Aliás, ofrecía unha "alta remuneración" a cambio de manter "relacións [sexuais] esporádicas co director" da empresa. 

Estas circunstancias levaron a responsábel de Igualdade de Sanxenxo, Sandra Fernández, a elevar unha denuncia á Secretaría Xeral de Igualdade por publicidade sexista e á Garda Civil no que podería constituír un delito penal ao ofrecer traballo a cambio de sexo. Neste senso, Fernández reclamou ao instituto armado que pescude na rede para localizar o autor ou autores do anuncio por se se tratasen, aliás, de hosteleiros da vila. 

Aspiradoras e micro-ondas

Pola súa banda, a Plataforma feminista galega denunciou publicamente a campaña do hipermercado Alcampo con motivo do Día da Nai. Nas estanterías da distribuidora anúnciase unha promoción para conmemorar esta data na que se ofertan produtos de limpeza e cociña. “Unha vez máis, algunhas superficies comerciais utilizan os estereotipos e as imaxes de mulleres ligadas aos electrodomésticos e útiles de limpeza e cociña”, como reclamo, denuncian. 

Neste senso, avanzan que están a estudar accións de protesta contra esta campaña, e todas aquelas que se destecten na mesma liña sexista, pois “pouco o nada poderemos avanzar en aspectos como a corresponsabilidade ou a potenciación da imaxe das mulleres emancipadas e libres”, se aínda proliferan campañas nas que se vencella a figura de muller nai coa da tradicional “ama de casa”, é dicir, a da coidadora dos seus fillos e fillas e do seu fogar.