Denuncian que o Sergas "manipula" as cifras da COVID-19 e que faltan camas UCI

Os representantes das traballadoras da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volveron a esixir a dimisión da Xerencia (Foto: EP).

CESM Galicia,  CO- BAS e  Prosagap están convencidos de que "toda esta manipulación obedece a unha campaña de imaxe, por parte do Goberno da Xunta, para as próximas eleccións autonómicas do 12 de xullo".

Esta terza feira tiveron lugar de novo concentracións de protesta ás portas dos hospitais Montecelo e Provincial, en Pontevedra, convocadas polos sindicatos sanitarios  Prosagap,  CESM-Galicia e  Co-Bas, que acusan o Servizo  Galego de  Saúde (Sergas) de "manipular descaradamente" os datos de contaxio por  COVID-19 nas áreas sanitarias de Compostela e Vigo.

Denuncian que nesas áreas "producíronse caídas insólitas" o día 12 de xuño cando pasaron de 92 a 34 e de 184 a 148 infectados, respectivamente, e unha caída no conxunto de Galicia de 108 casos, que representan 23%, sinalaron.

Os representantes sindicais tamén apuntaron, ademais, que o número mínimo de camas UCI que se esixen para poder saír do estado de alarma atópase entre 1,5 e 2 unidades por cada 10.000 habitantes, unha cociente que, segundo sosteñen, "non se cumpre".

"Durante a maior crise da pandemia en Galicia contamos con 274 camas de coidados intensivos, 114 máis das que había antes da irrupción do virus procedentes dos postos de Reanimación, pero é unha cifra moi afastada das que en realidade se piden, que son 405", indicaron.

CESM Galicia,  CO- BAS e  Prosagap están convencidos de que "toda esta manipulación obedece a unha campaña de imaxe, por parte do Goberno da Xunta, para as próximas eleccións autonómicas do 12 de xullo".

O doutor Enrique Marra-López, de CESM-Galicia, asegurou que "non" queren "entrar en política". "Queremos falar de sanidade con técnicos, pero estes técnicos están vendidos, son comisarios políticos da xente de Santiago e non atenden a razóns para facer manipulación das cifras para alcanzar o seu obxectivo, que é chegar ás eleccións", lamentou.

Estes sindicatos reprochan ao Goberno galego que "queden no esquecemento" algúns "asuntos e demandas históricas vitais para os profesionais sanitarios" tales como a estabilidade laboral, a modificación da Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias ( LOPS), convocar ao Foro Profesional, avanzar no marco Estratéxico de Atención Primaria ou materializar a participación dos pacientes a través dun Consello Asesor.

Dimisión da xerencia

Os representantes das traballadoras da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés volveron a esixir a dimisión da Xerencia. Ademais instan ao Sergas a que abra unha mesa de negociación con carácter urxente para abordar todas as súas reivindicacións que seguen "plenamente vivas", subliñaron, e acabar coa situación de "precariedade" que afirman padecer desde fai máis dunha década.

Neste sentido apuntan á "necesidade de aplicar rigorosamente" a Lei de Prevención de Riscos Laborais, a urxencia de contar con máis recursos humanos e mellores condicións de traballo, e o rexeitamento á privatización de servizos non sanitarios, como se recolle no Plan Director do Gran Montecelo, privatizacións polas que piden explicacións públicas á Dirección da área sanitaria.