Denuncian que persoal de Enfermaría é obrigado a cubrir prazas de Pediatría en Vigo

Bonecos ás portas dun ambulatorio durante unha concentración convocada para denunciar a falta de pediatras na Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) de Vigo denuncia a imposición dun protocolo ante as ausencias de pediatras nos centros de saúde da área sanitaria que obriga o persoal de enfermaría a asumir a asistencia e a valoración dos pacientes.

A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) de Vigo denuncia a imposición dun protocolo ante as ausencias de pediatras nos centros de saúde da área sanitaria que obriga o persoal de enfermaría a asumir a asistencia e a valoración dos pacientes.

A central sindical considérao un “intento de encubrir a falta de persoal existente e reclaman a retirada dunha medida que está a causar malestar entre os profesionais”.

Desde a CIG-Saúde sinalan que o protocolo imposto polo Sergas indica a valoración por parte de Enfermaría das citas que se consideran que teñen que ser vistas no día e a posterior comunicación vía telefónica con persoal de Pediatría doutros centros de saúde ou dos hospitais.

“Deste modo pretenden encubrir a falta de pediatras nos centros, cargando a responsabilidade desta situación sobre o persoal de enfermaría”, indican desde a CIG.

Consideran ademais que esta medida se traduce nunha falta de información á poboación que acude aos centros de saúde descoñecendo que non hai pediatras, “algo que xa está a producir situacións de tensión nalgúns centros”.

Ao mesmo tempo, censuran que a representación legal do cadro de persoal non foi informada na Comisión de Centro nin por outras vías “malia que supón unha modificación das condicións de traballo”.

“Retirada do protocolo”

En consecuencia, reclaman a retirada deste protocolo “que descarga a responsabilidade de falta de persoal médico sobre o colectivo de enfermaría”.

Finalmente, solicitan que se informe a poboación tanto da falta de pediatras como dos que centros se atopan nesta situación e demandan “que se tomen medidas consensuadas co persoal implicado”.