Denuncian que a Xunta tramita en San Fins un permiso de vertedura caduco e sen avaliación de impacto

San Fins, nunha imaxe recente. (Foto: Adega)
Desde a organización ecoloxista Adega critican que se estea a tramitar un "proxecto refundido" do que no seu momento fora rexeitado.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denuncia que a Xunta “siga a tramitar (en San Fins) un procedemento caduco que permitiría á empresa reabrir unha mina sen estudo de impacto”.

A través dun comunicado lembra que, “logo de tentalo en 2016, a mineira de San Fins pretende verter de novo millóns metros cúbicos de augas contaminadas á ría de Noia”.

A resurrección administrativa

O procedemento de solicitude de vertedura iniciouno Tungsten San Fins en 2016 coa idea de baleirar as augas residuais mineiras (máis de 1 millón de m3) que ateigaban as galerías abandonadas e guindalas río abaixo até a ría de Noia.

Daquela, e perante a forte oposición social e as denuncias ecoloxistas ao proxecto, Augas da Galiza non resolveu a autorización, resultando desestimado o procedemento.

Porén, agora a mineira volta á carga cun "proxecto refundido" daquel de 2016 para “verter novamente as augas da mina, que sorpresivamente Augas da Galiza tramita como o mesmo expediente”.

Para a organización ecoloxista, “logo de máis de 4 anos do remate do prazo de resolución, fixado en un ano no regulamento hidráulico sen que Augas se pronunciara expresamente, o procedemento ficou caduco”.

Por este motivo “a pretensión da mineira de tramitar un novo proxecto dentro do mesmo procedemento administrativo que caducou en 2016, e o feito que a Xunta llelo puidera aprobar, suporía unha causa certa de nulidade”.