O alumnado non pode examinarse das optativas do Bacharelato galego na Selectividade

CIG-Ensino exixe que a consellaría de Educación tome medidas para que materias como Historia da Galiza, Xeoloxía ou Portugués poidan ser escollidas pol@s moz@s para faceren as probas de acceso á Universidade

Os e as moz@s da Galiza que se presentaren ás Probas de Acceso á Universidade --PAU-- non poderán examinarse de ningunha das materias optativas do currículo galego de Bacharelato. Así, nin Historia da Galiza, nin Literatura Galega do s.XX, nin Literaturas Hispánicas nin Xeoloxía son obxecto de exame, supondo unha "discriminación" a respecto do alumnado que as cursou. A prescrición afecta tamén ás linguas estranxeiras cursadas como optativas, nomeadamente o portugués.

Desde CIG-Ensino reclamarán á consellaría de Educación que procure as modificacións legais oportunas para que estas materias formen parte do cadro de probas que na fase específica pode realizar o alumnado, cun triplo obxectivo: "que tod@s @s alumn@s teñan as mesmas oportunidades, que se respecte o currículo galego de Bacharelato e que a elección de materias a examinar non se vexa afectada por criterios non pedagóxicos".

Sobre esta última cuestión, as PAU prevén na fase específica que a persoa escolla tres materias, tendo en conta as dúas mellores cualificacións. Mais non poderían elixir ningunha das citadas, medida que pode traducirse "na perda de alumnado" para os centros que as ofertan e, por tanto, que esa optativa deixe de ofertarse. Cómpre ter en conta que o currículo galego do Bacharelato está previsto para que o alumnado poida seguir unha formación "o máis achegada posíbel ao que serán os seus estudos universitarios", un criterio que, segundo CIG-Ensino, debe prevalecer "en todo caso".