Denuncian que unha "neglixencia" da USC na convocatoria de contratos predoutorais afectou 206 solicitantes

Facultade de Medicina da USC, en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Exixen que a universidade recoñeza publicamente o seu erro e busque unha proposta de solución para emendalo.

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) vén de denunciar "o silencio do equipo reitoral" da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ante unha "neglixencia" na convocatoria de contratos predoutorais, que afecta 206 estudantes de doutoramento.

En concreto, a AIC explica que, "por un erro de cálculo", ponderáronse "de maneira incorrecta as medias das solicitantes" nunha convocatoria da USC financiada a través do Banco Santander. "O erro penaliza o bo expediente dalgunhas candidaturas, levando á baixa as puntuacións", engade a Asemblea nun comunicado.

Esta convocatoria foi lanzada pola universidade o 29 de decembro de 2021, cun total de 22 contratos predoutorais, financiados pola entidade financeira antes citada, en formato de concorrencia competitiva.

A AIC critica que, "desde o primeiro momento", o procedemento sufriu "múltiples demoras e erros" que adiaron a data da publicación da resolución provisional até o pasado 21 de xuño.

Criterios "excluíntes"

Entre as cuestións que denuncia a Asemblea de Investigadoras, subliñan que a resolución provisional aplicou "criterios excluíntes" que non figuraban no texto orixinal da convocatoria, como desestimar directamente as solicitudes que non chegasen a certo limiar de puntuación na suma de dous epígrafes, "evitando así avaliar os plans de traballo de máis de 60 persoas solicitantes".

Asemade, a AIC sinala que, grazas á notificación das persoas afectadas, detectou que se cometera un "erro matemático no cálculo dos puntos no epígrafe de méritos xerais", que supón 40% da nota final.

Segundo o comunicado da Asemblea, o erro "foi inmediatamente posto de manifesto" o día 22 de xuño "a través dun correo tanto á Xerencia como á Vicerreitoría de Política Científica, mais ambas mensaxes foron ignoradas".

A AIC denuncia que, desde o 22 de xuño até a actualidade, intentou notificar o erro en 8 ocasións ante os organismos de dirección da USC, sen que estes respondesen. Mesmo lamenta que, o 29 de xuño, unha representante da Asemblea puxo este erro en coñecemento dos integrantes do Consello de Goberno da universidade, entre eles o reitor, Antonio López, sendo ignorada.

Escándalo "maiúsculo"

Para as investigadoras, o ocorrido é un "escándalo maiúsculo", sen comparación "na historia recente da USC". Lamentan que a resolución definitiva desta convocatoria foi publicada o 7 de xullo, recollendo o erro de ponderación; e que o 14 de xullo a propia USC lanzou outra convocatoria de contratos predoutorais coa mesma equivocación.

A AIC demanda que a USC recoñeza publicamente tanto o erro cometido como a "desatención" dos avisos que o sinalaban. Aliás, exixe unha "proposta de solución" que garanta o cálculo correcto das puntuacións.